A Terceira Federación bota a andar cun Barbadás-Silva

A xornada inaugural será mañá ás 18 horas.
Esta tempada 18 equipos integrarán a competición. (Foto: UD Barbadás)
photo_camera Esta tempada 18 equipos integrarán a competición. (Foto: UD Barbadás)

A Terceira Federación, a última gran división do fútbol masculino que aínda non inaugurara a tempada, arranca esta fin de semana con moitas novidades.
Un total de 18 conxuntos competirán nesta ocasión por cumprir os seus respectivos obxectivos nunha campaña que, sobre o papel, está chamada a ser unha das máis igualadas dos últimos tempos.

Con respecto ao sistema de competición, haberá un ascenso directo á Segunda Federación, catro prazas de play-off que aspiran a obter o segundo posto que dá dereito a acceder á categoría superior, mentres que se producirán tres descensos directos a Preferente Galiza.

A xornada inaugural botará a andar mañá ás 18 horas da tarde cun Barbadás-Silva nos Carrís (comarca de Ourense), mentres que o último encontro será o domingo 10 tamén ás 18 (Polvorín-Estradense).

O fútbol máis solidario,o sábado na Coruña

Paralelamente á primeira data da Terceira Federación, a Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (AFAC) levará a cabo a súa I Xornada Solidaria a beneficio da Cociña Económica.

"Este evento pretende contribuír solidariamente cunha institución esencial na nosa cidade e que diariamente atende centos de persoas e familias", explican desde AFAC, resaltando que "numerosas entidades e voluntarias" organizaron "unha mañá de deporte atraente" na Cidade Deportiva Arsenio Iglesias que incluirá partidos de alevíns, de veteranos e, incluso, un triangular entre membros da Asociación da Prensa, un combinado de "famosos" locais e outro de políticos municipais.

Comentarios