Entrevista

Tariku Novales: "O circuíto pode marcar o éxito nos Xogos Olímpicos de París"

Tariku Novales (Noia, 1998) demostrou no Maratón de Valencia que non hai ninguén como el, tornando no recordman estatal da modalidade após facer bos os prognósticos e deter o reloxo en 2.05.48. Agora, co aval do seu gran papel na proba levantina, comeza a preparar uns Xogos Olímpicos 2024 nos que o único límite é o ceo parisino.
O galego rachou o domingo co récord de España de maratón. (Foto: Adidas).
photo_camera O galego rachou o domingo co récord de España de maratón. (Foto: Adidas).

—O maratón de Valencia é a súa proba fetiche, tanto que este ano chegou a darlle prioridade sobre o Mundial. A aposta saíu ben, pero a pregunta é, por que?
Eu máis que dar prioridade diría que fun consciente de que non podíamos preparar ambas ao máximo porque viña dunha lesión, e despois do maratón de Valencia do ano pasado, que acabei en muletas, había que ter moito coidado e ser precavidos. Pero, como dis, o que importa é que todo saíu ben.

—Di agora que saíu todo ben, pero nada máis rematar a proba notábaselle algo molesto, manifestando ter un sabor de boca algo amargo porque fallaron as lebres e houbo que traballar máis do previsto para conseguilo...
É que practicamente desde o primeiro quilómetro houbo que cambiar os plans. As lebres fallaron desde moi cedo e tiven que tirar moitísimos quilómetros, incluso cheguei a pensar que o pagaría na parte final, pero non foi así e rematei con moita forza. Todo o adestrado pagou a pena.

—O próximo ano, non obstante, a proba estrela para vostede non será Valencia, senón os Xogos Olímpicos de París.
Evidentemente, pero se vai todo ben e temos unha boa recuperación despois dos Xogos por que non se vai intentar tamén correr en Valencia? Si que me gustaría, de feito téñoo planificado, porque hai poucas probas que teñan un circuíto, un público e unha organización tan espectaculares.

—Recentemente entrevistei Adrián Ben e falábame do seu traballo en altura en Suráfrica, algo que vostede fixo tamén, pero en Etiopía. Que lle achegou a vostede ese tipo de adestramento?
O adestramento en altura é importantísimo, e especialmente no fondo podes obter moitos beneficios, porque cando estás en altura tes un déficit de osíxeno e o teu corpo está obrigado a adaptarse xerando máis glóbulos vermellos, que son os que transportan o osíxeno aos músculos. Pásase moi mal no momento, pero á hora de volver a un ambiente a nivel do mar notas que tes moita máis facilidade á hora de manter a intensidade. 

—Ese adestramento no estranxeiro non sae barato. Pasará por fin a recibir un trato xusto, economicamente falando, por parte da Federación Española de Atletismo agora que rachou co récord estatal e fechou definitivamente a súa presenza en París?
Lévoo con tranquilidade. Si que é verdade que tiña un enfado bastante grande porque considero que o Plan de Axudas da Federación non é correcto non só para min, senón para todos os maratonianos, porque a nosa proba reclama moita preparación e investimento en moitos niveis, cunha carga de traballo elevadísima, e como ela unicamente dá prioridade ás competicións coa selección española é moi complicado conseguir os requisitos que piden, e nin sequera teñen en contra outras cousas como o feito de que eu teña a mínima olímpica desde hai xa un ano. E conste que eu non só reclamaba axuda económica, senón á preparación, que me axudasen a costear eses adestramentos para lograr un bo resultado nun Mundial ou nuns Xogos Olímpicos que, ao final, tamén lle interesa á Federación.

—De cara a eses Xogos Olímpicos de París 2024, cales son as súas aspiracións?
É moi complicado. O maratón é unha disciplina moi competida, cunha densidade de atletas de alto nivel impresionante e, en última instancia, todo dependerá de moitísimos factores. Por exemplo, en Valencia podes pensar a que marcas aspiras, non obstante, nos Xogos a táctica, o que fagan o resto dos rivais, a altimetría, porque o circuíto terá moitísimas costas... influirán moitísimo. Agora a cousa é saber se será para ben ou para mal.

Unha cara nova nun deporte de veteranos

O recente récord do mundo do keniata Kelvin Kiptum, de 24 anos, confirma un cambio de paradigma no deporte de Tariku Novales, pois até non hai moito tempo o maratón estaba considerada como unha disciplina de veteranos na que brillaban atletas como Eluid Kipchogue -medalla de ouro con nos Xogos de Toquio 2020-, Abel Antón -campión do mundo en 1999- ou Mamo Wolde -que fixo o propio en 1968-,  todos eles con 36 anos cando tocaron teito.

Aos seus 25 anos, como pensa o recente recordman estatal que inflúe a idade na proba dos 42.195 metros? Para el, efectivamente, o maratón estaba dominado "por xente que remataba o seu percorrido na pista", pero no seu caso concreto tiña claro, "quizais desde 2018", que o seu debut no gran fondo non había de tardar, pois sabía "que tiña cualidades para a longa distancia" e non quería "perder o tempo". Ao final, os resultados déronlle a razón.

Comentarios