Baloncesto | ACB

Strēlnieks e Timma, a fría esperanza do Obradoiro vén do Báltico

O obradoiro encoméndase aos letóns para salvarse.
Timma  (á dereita) e Strelnieks, posando onte co presidente da escuadra capitalina, Raúl López.  (Foto: Obradoiro).
photo_camera Timma (á dereita) e Strelnieks, posando onte co presidente da escuadra capitalina, Raúl López. (Foto: Obradoiro).

A máxima categoría do baloncesto masculino estatal encara este fin de semana a xornada 23 das 34 que conforman unha ACB na que a situación de ambos os representantes da Galiza e crítica, pois Leite Río Breogán e Monbus Obradoiro comparten o penúltimo posto da táboa con Covirán Granada, xa que todos eles suman seis triunfos, dous máis que o fechacancelas (Zunder Palencia) e outros tantos menos que os seus máis inmediatos predecesores, Bàsquet Girona e Morabanc Andorra, que acumulan oito cada un. 

Para tratar de cambiar a negativa dinámica na que está inmerso, pois o Obradoiro leva nin máis nin menos que sete partidos sen gañar, concretamente desde que superarse o Breogán na véspera da pasada Noiteboa, a entidade presidida por Raúl López acudiu ao mercado en busca de reforzos, atopando unha táboa de salvación na afastada Letonia.

Desa república báltica proceden dous fichaxes que comparten pasaporte e nome, Jānis, así como a súa condición de veteranos con experiencia en equipos de primeiro nivel, pois Strēlnieks é un base de 34 anos que militou en clubs como Olympiacos, AEK ou Zalgiris Kaunas, mentres que Timma é un ala que aos seus 31 anos conserva o podería físico que o levou a xogar no Zenit de San Petesburgo, Baskonia ou o antedito Olympiakos grego, onde compartiu vestiario co seu compatriota, con que tamén coincidiu na selección letoa.

Durante o acto de presentación de ambos, que tivo lugar durante a xornada de onte, o presidente do Obradoiro non ocultou o "esforzo" que fixeron por poder contar "con dous xogadores de Euroliga", pero considerou que era necesario "para poder competir nunha Liga na que iso resulta cada vez máis complexo".

Inmediatamente despois tomou a palabra Jānis Timma, quen se mostrou "feliz" por regresar á ACB e revelou que para asinar polo Obra foi determinante unha "conversa de máis dunha hora" que mantivo co que xa é o seu técnico, Moncho Fernández. Finalmente, Jānis Strelnieks dixo que tratará de achegar a súa "experiencia" para gañar partidos.

Máis en DEPORTES
Comentarios