Baloncesto

O Obradoiro fecha a fichaxe do ala pivote Jānis Timma

Novo reforzo para o conxunto compostelán na ACB.
O letón conta con experiencia nos Estados Unidos e en clubs como Baskonia. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O letón conta con experiencia nos Estados Unidos e en clubs como Baskonia. (Foto: Nós Diario).

O Monbus Obradoiro incorpora ás súas filas o letón Jānis Timma para reforzar a posición de ala-pivote, tornando así na segunda fichaxe da escuadra galega de ACB en menos de 48 horas, pois o pasado sábado oficializaba un segredo a voces, a contratación do base Jānis Strēlnieks, que tamén conta con nacionalidade letoa.

Con 31 anos de idade, Timma recalará en Compostela tras comezar a tempada 2023/24 no Darussafaka, sétimo clasificado da SuperLiga de Turquía. 

Desta forma, o club aproveita a parada competitiva de febreiro, motivada pola disputa da Copa do Rei e os compromisos das distintas seleccións internacionais, para reforzar o potencial do seu cadro de persoal coa intención de fechar a permanencia na máxima categoría do baloncesto estatal nos 12 partidos que restan da presente campaña.

Jānis Timma vén de participar en 17 xogos, 10 deles de liga, onde conseguiu de media 11,4 puntos, 4,6 rebotes e 1,1 asistencias. Ademais, disputou a Basketball Champions League, na que asinou 8 puntos, 3,6 rebotes e 1,4 asistencias por encontro en sete enfrontamentos. 

Internacional con Letonia, da que defendeu as súas cores en 25 ocasións, está entre os 24 citados polo seu seleccionador nacional para participar nos primeiros dous choques da fase clasificatoria para o Eurobasket 2025.  

O veterano ala-pivote ten no seu haber unha dilatada experiencia a nivel internacional, pois en 2013 foi elixido polos Memphis Grizzlies no posto 60 do draft da NBA e na tempada 2021/22 xogou a G-League enrolado nas filas do Osceola Magic, alén de formar parte de bloques europeos do nivel de Baskonia ou Olympiacos.

O director deportivo obradoirista, Eduardo Pascual, destacou da flamante fichaxe que con el engaden "un home non só para o interior", pois ten "moita calidade no pase e no tiro exterior".

Comentarios