Fútbol

O Lugo evita a catástrofe galega na Copa do Rei

O Dépor e o Arenteiro seguen os pasos do Arousa e din adeus ao torneo do KO.
Os xogadores albivermellos, festexando o triunfo copeiro. (Foto: CD Lugo).
photo_camera Os xogadores albivermellos, festexando o triunfo copeiro. (Foto: CD Lugo).

O corazón (albi)vermello do Club Deportivo Lugo latexou con forza no día de onte para eliminar o Mirandés da Segunda División (2-0) na segunda rolda da Copa do Rei.

Nun partido disputado nun xélido Ángel Carro, o empate imperou no electrónico até que Leandro Antonetti ('87) e Adrián Fuentes ('91) perforaron as redes defendidas por Luis López.

Cruel eliminación do Dépor a mans do Tenerife

A historia da primeira rolda copeira, na que o Tenerife eliminou sen merecelo un Compostela que, como mínimo, debeu chegar ao lanzamento dos penaltis, repetiuse cun extra de crueldade no choque da segunda fase que enfrontou o conxunto insular co Real Club Deportivo, a quen venceu por 2-3 cun tanto no tempo engadido da segunda parte da prórroga.

E iso que a escuadra herculina, guiada pola descarada xuventude dun David Mella electrizante que, con só 18 anos, botou o equipo ás súas costas nos 45 minutos iniciais, logrou adiantarse no '9 grazas a un gol do dianteiro galego, que abría a súa conta como goleador no Dépor case 34 anos despois de que o seu pai, Gonzalo Mella, marcara o seu único tanto oficial coa camiseta branquiazul ao Betis o 28 de xaneiro de 1990.

Vencedor no duelo táctico a Asier Garitano, o deportivista Imanol Idiakez ordenou os seus xogadores que non se encerrasen atrás, e o Dépor continuou controlando con comodidade o decorrer do xogo até que o árbitro indicou o descanso.

Foi a raíz da continuación cando comezou a tolemia, empatando o Tenerife no '59 da man de Nacho, sacando petróleo dun golpeo coa perna dereita na que foi a única oportunidade dos canarios até ese momento. 

Con ese resultado de empate a un chegou o final do tempo regulamentario, adiantándose o Tenerife no '101 cun disparo desde fóra da área de Álvaro Romero no que o porteiro Mackay puido facer máis, até que volveu instalar as táboas no marcador Kevin Sánchez, de cabeza, no '105.

Lamentabelmente para os intereses herculinos, co Dépor cun home menos desde a expulsión de Jurado ('109) e cando parecía que a eliminatoria se decidiría desde a lotería dos penaltis, chegou o terceiro e definitivo tanto tinerfeño, materializado por Sergio no minuto 121.

A Primeira División non regresará a Espiñedo

Tampouco estará no bombo do sorteo da terceira rolda o Arenteiro. A formación do Carballiño, que non deixa de sorprender co seu bo facer na terceira categoría e que xa protagonizara grandes fazañas en edicións anteriores da Copa, non foi quen de reverdecer vellos loureiros e caeu por 1-3 co Burgos da Segunda División.

Adiantáronse os casteláns xa no minuto 8 por medio de Bermejo, empatando Iván Ramos no 20. Non obstante, o gol psicolóxico ao fío do descanso do propio Bermejo no '44 decantou definitivamente un partido que sentenciou Appin no minuto 54. 

Comentarios