Entrevista

Francisco García, presidente do Club Halterofilia Coruña: "Hoxe xa hai máis rapazas que rapaces na halterofilia"

Cociñeiro antes que frade, como se adoita dicir, o haltera, adestrador e agora presidente do Club Halterofilia Coruña, Francisco García (A Coruña, 1983), comanda desde os despachos os designios do conxunto máis importante do país, que, tal e como sinala con orgullo, vive "o mellor momento" de toda a súa historia.
O dirixente, coas copas do Rei e da Raíña gañadas en 2023. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O dirixente, coas copas do Rei e da Raíña gañadas en 2023. (Foto: Nós Diario).

—Haltera, adestrador e presidente do Club Halterofilia da Coruña (CHC). Cando e como accede á presidencia do equipo?
O Club estaba sen representación, por dicilo así, e entón Ferenc [Szabó] chamoume, porque eu era xuíz e adestrador, e seguía involucrado co mundiño, e nas eleccións a xente votoume e saín elixido o 15 de marzo de 2019.

Esta non é unha data calquera, porque foi cando Irene Blanco quedou campioa do mundo nas Vegas (EUA), que é o único título mundial que temos e o máis importante do Club Coruña a nivel individual. 

—A imaxe do CHC non é outro que o propio Ferenc Szabó. Que representa a súa figura para o club? 
É a nosa alma mater, como digo eu. Leva 30 anos aquí, e lembro  ser deportista con 13, 14, 15 anos e adestrar con catro, cinco persoas, non máis, e só unha muller, falo de 1996 ou 1997; e agora mesmo, grazas ao seu traballo, o Club Halterofilia Coruña está no seu mellor momento.

Ferenc vai aos colexios da Coruña a facer as captacións e conseguiu que sexamos 140 persoas, das que 100 son cativos. Hoxe somos o club xa non da Galiza, senón do Estado, con máis rapaces e rapazas, o que ten máis licenzas, e raro é a tempada na que algunha non queda campioa de España na súa categoría.

—Non obstante, el está en idade de xubilarse. O día que colgue as botas, ou sería mellor dicir a barra, que pasará co CHC?
Quédanlle moitos anos, que vai facer na casa? (ri). Xa deixou o seu posto como director deportivo da Federación Galega de Halterofilia  e agora dedícase exclusivamente a ser adestrador connosco. Eu sempre lle digo que se quere el pode deixar de ser adestrador e dirixir o club como presidente, pero el non se anima a dar o paso, a ver se o convencemos. 

—Cal diría vostede, que o viviu desde dentro, que é o segredo do éxito do Club Halterofilia Coruña?
É certo, porque hoxe é raro o ano no que non sexamos  campión da Galiza por equipos. Porque a halterofilia é un deporte individual, pero as competicións máis bonitas son por equipos, como a Copa do Rei e da Raíña por clubs, das que somos os vixentes gañadores, de feito fixémonos cos tres últimos tanto dun como doutro torneo, algo que ninguén logrou nunca antes.

Con respecto ao segredo do éxito, pois non é outro máis que traballar con rapaces, ir ás escolas desde primeiro da ESO, que teñen 12 anos, para que medren connosco. Eu digo que somos como o Athletic de Bilbao de fútbol, un club de canteira. 

—Cando se pensa no seu deporte na Galiza, pensase no Club de Halterofilia da Coruña. Porque hai na súa cidade moito máis peso e arraigo da disciplina que noutras localidades galegas?
Por Ferenc, polo traballo que fai el. Grazas a iso conseguimos un maior número de licenzas e saíron bos levantadores e levantadoras, porque se ti pensas nun deportista galego de halterofilia, entre os homes pensarás en Víctor Castro, e nas mulleres, as Irenes, tanto Irene Martínez como Irene Blanco, os tres coruñeses que comezaron con Ferenc.

Boa parte dos éxitos nos últimos anos viron nesa categoría feminina. Como foi ese progresivo aumento do peso das mulleres na halterofilia?
Foi unha realidade tal que diría que hoxe hai máis rapazas que rapaces no noso club. Boa parte dese crecemento pode atribuírse a Lydia Valentín [haltera berciana medallista olímpica en 2018, 2012 e 2016], que lle deu moita visualización á muller, o mesmo que Irene Martínez no ámbito galego. 

O Europeo de Sofía, obxectivo inmediato

O pasado día 12 de febreiro comezou na capital de Bulgaria, Sofía, a última edición do Campionato de Europa de Halterofilia, que se estenderá até o 20 do mesmo mes. Alí estarán dous representantes do Club Halterofilia Coruña, Víctor Castro e Irene Martínez, que debutará tan cedo como esta cuarta feira, mentres que o seu compañeiro terá que agardar até a quinta para entrar en acción.

Esta é a primeira gran cita para un conxunto que, como recoñece o seu presidente, ten como gran meta, ademais de "obter grandes éxitos individuais", facer "o cuarto dobrete consecutivo", é dicir, gañar ao mesmo tempo a Copa do Rei e da Raíña de Halterofilia. Programadas ambas as competicións paralelamente na localidade andaluza de El Ejido o 23 de novembro, Fran García non oculta a súa alegría ante a posibilidade de "seguir poñendo o listón moi alto para os demais clubs".

Comentarios