ESTA MADRUGADA á 1H

Esgotadas as entradas para a final do Mundial de Fútbol Feminino

As entradas para presenciar a final feminina USA-o Xapón no estadio BC Place Stadium de Vancouver, con capacidade para 55.000 espectadores, están esgotadas. Nesta final, Galiza estará representada na figura da asistente, Iolanda Parga.

[Imaxe: FIFA]
photo_camera [Imaxe: FIFA]


Xa non quedan entradas para a final do Mundial de Fútbol Feminino que se disputará mañá ás 1h entre USA e o Xapón no estadio BC Place Stadium de Vancouver, con capacidade para 55.000 espectadores. Reedítase deste xeito a final do Mundial feminino de Alemaña 2011, onde se impuxo o Xapón (3-1) na quenda de penaltis.

Nesta final Galiza estará representada, na figura da asistente, por Iolanda Parga Rodriguez, que acompañará as ucraínas Kateryna Monzuy, encargada de pitar o partido, e Natalia Rachynsca. Iolanda Parga consegue un fito dentro da arbitraxe galega pois é a primeira vez que un colexiado ou colexiada galega estará nunha final dun evento destas características.

Dous estilos de fútbol ben distintos mediranse nesta final, onde teremos ocasión de ver dúas das tres mellores gardarredes deste mundial, a xaponesa Ayumi Kaihori e a estadounidense Hope Solo, que xunto a alemá Nadine Angerer son as candidatas á luva de ouro.

As xaponesas destacan pola súa táctica e pola disciplina, con velocidade en ataque e cunha defensa ordenada

As actuais campioas, defenderán a súa coroa, despois de vencer en semifinais a Inglaterra por un axustado 2-1, cun fatídico autogol das inglesas xa en tempo de prolongación e onde se demostrou que non se precisa ser superior para gañar ao rival.

O fútbol das Nadeshiko, dirixidas por Norio Sasaki (no cargo dende o 2007), e que aposta por un 4-4-2, atesoura unha serie de recursos, nos que destacan a táctica e a disciplina, cunha defensa ordenada onde Saori Ariyoshi, Azusa Iwashimizu e Saki Kumagai achegan moita seguridade. Lideradas pola centrocampista Aya Miyama, que xunto á fantasía de Kawasumi dende a dereita e Juky Ogimi pola esquerda, ofrecen velocidade claridade na elaboración de ataque, se poden rematan a distancia.

Hai que destacar que só dúas xogadoras nipoas disputaron todos os partidos, 540 minutos: Aia Miyama e Juky Ogimi.

As estadounidenses achegan fluidez no xogo do balón e ofrecen moito perigo polas bandas

Pola súa banda, a selección estadounidense feminina de fútbol, segunda no ránking da FIFA, chega á final tras derrotar a Alemaña 2-0. Baixo a batuta de Jil Elis, no cargo dende o 16 de Maio do 2014, o equipo norteamericano, intentará conseguir o título mundialista, o cal se lle resiste dende o 99. Apostan por un 4-3-3, achegan fluidez no xogo do balón e ofrecen moito perigo por bandas buscando sempre a talentosa dianteira Alex Morgan.

As súas xogadoras teñen moita calidade técnica, e tres delas, Megan Rapinoe, Carli Lloyd e Julie Johnston, están entre as oito finalistas a recibir o balón de ouro, prata e bronce, lista que completan as xaponenas Saori Ariyoshi e Aia Miyama, a inglesa Lucy Bronze, a alemá Celia Sasic e a francesa Amandine Henry.

As grandes lendas e referentes de ambos os dous equipos, Homareo Sawa (Xapón) e Abby Wambach (USA), soamente tiveron nos partidos clasificatorios presenza testemuñal.

De gañar o Xapón, conseguiría o seu segundo título, igualando no palmarés a propia USA e Alemaña.

Posíbeis alineacións 

O Xapón: Ayumi Kaihori, Saori Ariyoshi, Azusa Iwashimizu, Saki Kumagai, Aya Sameshima, Mizuho Sakaguchi, Rumi Utsugi, Nahomi Kawasumi, Aya Miyama, Shinobu Ohno e Yuki Ogimi

Os Estados Unidos: Hope Solo, Ali Krieger, Julie Johnston, Becky Sauerbrunn, Meghan Klingenberg, Lauren Holiday, Morgan Brian, Tobin Heath, Megan Rapinoe, Carli Lloyd e Alex Morgan.

Comentarios