Respecto mútuo entre Obradoiro e Breogán antes do derbi

Moncho Fernández e Veljko Mrsic (Foto: Nós Diario).
O técnicos do Obradoiro e do Breogán compareceron en rolda de prensa esta quinta feira. Ambos os dous salientaron o bo equipo do rival.

O derbi entre Obradoiro e Breogán no Multiusos Fontes do Sar (sábado, 18 horas) marcará a fin de semana no baloncesto galego. Moncho Fernández e Veljko Mrsic, adestradores de ambos os dous equipos respectivamente, aproveitaron a xornada de onte para comparecer en rolda de prensa e dar a súa opinión sobre o choque.

Por parte local, Moncho Fernández é consciente do ambiente que haberá na Caldeira un cheo absoluto e récord de asistencia. “É positivo. Estou convencido de que se lle preguntas aos xogadores dos dous equipos ao cento por cento diríanche que o queren cheo a rebentar. Isto é ao que nos dedicamos. Isto é o que queremos facer” asegurou, “non é un partido calquera. É especial, como debe ser”, engadiu. 

Para o técnico, experiencia deste tipo de partidos aos xogadores de Compostela non lles falta. “Todos xogaron o primeiro derbi en Lugo, xa xogamos a Copa Galiza. Sábeno perfectamente. Se me preguntas que é o que falan ou que comentan entre eles, non o sei.

Cando estamos na pista estamos concentrados no traballo, así que, por todo o que rodea, é unha semana especial”, asegurou Moncho Fernández.

En relación ao rival, o técnico do Obra salientou que o Breogán “fai moitas cousas ben” para estar na novena posición da clasificación. “Ofensivamente son o mellor dos outros 10, e non é unha opinión, os números dino”, conclúe. 

Dar a sorpresa

Desde Lugo, Veljko Mrsic laiouse das lesións e recoñeceu que no último partido "non xogamos como o facemos habitualmente, non estivemos ben en defensa, encaixamos moito e en momentos importantes fallamos tiros abertos". Por este motivo, agarda mellorar este sábado en Compostela. 

“Dixéronme que nunca gañamos en Santiago e imos tentar dar a sorpresa ante un rival que está a xogar un gran baloncesto. Os dous chegamos tras unha derrota en casa e imos ver quen se recuperou mellor”, sinalou o técnico croata na comparecencia. Sobre o Obradoiro, Mrsic valorou o seu potencial actual.

"É un equipo moi bo, con xogadores con moito talento, tiveron problemas de lesións mais teñen un bloque formado. Xogan moi bo baloncesto e son fortes na casa. É un derbi e todos teremos ganas”, finalizou.