Baloncesto | Liga ACB

Breogán e Obradoiro enfróntanse a dous equipos da 'súa' liga

Ambos os conxuntos galegos da ACB xogan esta cuarta feira.
A afección deu folgos ao Breo. (Foto: CB Breogán)
photo_camera A afección deu folgos ao Breo. (Foto: CB Breogán)

Intenso serán de baloncesto o desta cuarta feira, pois entrarán en acción ambos os representantes galegos na Liga ACB, Breogán de Lugo e Obradoiro de Compostela.

Os primeiros en saltar á pista serán os da Cidade da Muralla, que se desprazaron até Zaragoza para xogar contra o Casademont ás 19 horas. A escuadra galega é décima na clasificación con seis triunfos, tres máis que a maña, unha diferenza que non implica un claro favoritismo galego.

Polo menos esa é a opinión de Veljko Mršić, técnico do Breogán, quen lembrou na rolda de prensa previa ao partido que teñen "un balance de 4-2 fóra da casa", con derrotas fronte Granada e Joventut de Badalona. "Agora temos un choque cun rival directo, que será complicado, pois necesita sumar, pero nós tamén".

Ademais, recordou que recentemente foi quen de gañar ao todopoderoso líder Real Madrid e que incorporou ás súas filas "dous bases de moita experiencia" como son Stefan Jovic e Chris Wright.

Pola súa parte, o Obradoiro exercerá como local fronte Baxi Manresa ás 20.30 horas. Nunha situación análoga á do Zaragoza-Breo, o conxunto do país conta con seis vitorias, por tres do seu rival, e, igual que Mršić, Moncho Fernández -preparador do Obra- renega da condición de favorito.

"Manresa é o equipo que máis rápido xoga da liga, non só nas accións propias das recuperacións, tamén no rebote ou no saque; son os que máis número de posesións teñen, e iso fai dos seus xogadores que sexan moi perigosos", apuntou o galego, que engadiu que "tamén son moi bos no xogo de transición, desde onde intentan construír".

"Son moi esixentes e agresivos desde o segundo cero até o 24 da posesión, o que é claramente outro dos seus sinais de identidade", concluíu o adestrador.

Comentarios