Arranca o 'EcoRallye', o rally galego máis ecolóxico

Estradas cortadas, balbordo, pó, control de tempos, velocidade... os conceptos clásicos do que tradicionalmente se entende como un rally reciben unha emenda á totalidade por parte do 'EcoRallye', un test de condución de regularidade puntuábel para o Campionato de España de Enerxías Alternativas que chega mañá ás estradas de 21 concellos da contorna da Coruña.
A presente edición do certame desprázase da zona do Pazo dos Deportes de Riazor á área do Parrote. (Foto: EcoRallye).
photo_camera A presente edición do certame desprázase da zona do Pazo dos Deportes de Riazor á área do Parrote. (Foto: EcoRallye).

A cidade herculina -inicio e fin da proba-, A Capela, A Laracha, Abegondo, Arteixo, As Pontes, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carballo, Carral, Cerceda, Coirós, Miño, Monfero, Oleiros, Paderne, Pontedeume, Sada e Vilarmaior serán as localidades nas que poidan gozar ao vivo dunha competición na que serán da partida un total de "20 vehículos entre híbridos puros, híbridos enchufábeis e eléctricos puros", tal como explicou a Nós Diario Alberto González Naveira, presidente da Escudería Coruña, entidade organizadora do evento.

O director da carreira, José Manuel Valeiro, engadiu que neste tipo de probas "non se premia a velocidade, senón a regularidade e os baixos consumos dos vehículos", apostilando que entre os moitos detalles innovadores do 'EcoRallye' destaca o feito de que a cronometraxe se realiza "a través da tecnoloxía GPS".

Outras das súas principais características é que o seu desenvolvemento non implica cortes de tráfico, o que levou a que, segundo destacan desde a organización, "teña lugar en estradas pouco concorridas para prexudicar o menos posíbel".

Cinco anos de traxectoria

Aínda que a presente edición do 'EcoRallye', a quinta desde a súa estrea no ano 2016, arranca oficialmente na xornada de mañá, ás 13 horas de hoxe a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, inaugurará na área do Parrote unha exposición complementaria á carreira, a principal novidade neste 2021.

"Aínda que a causa da pandemia non haberá zona de comidas nin os tradicionais cursos de conducción eficiente, quixemos ofrecer unha experiencia única coa organización dunha mostra na que reunímos unha ampla colección de vehículos hibridos, eléctricos e hibrídos enchufábeis de marcas como Toyota ou Porsche", apunta González Naveira.

"O problema son as infraestruturas"

O 'EcoRallye' conta co apoio da Deputación da Coruña, que acolleu na súa sede a presentación do certame automobilístico na mañá de onte. 

Alí congregáronse a concelleira de Deportes da Coruña, Mónica Martínez; o presidente da Escudería Coruña, Alberto González Naveira; o director da carreira, José Manuel Valeiro; o ex piloto de rallyes Luis Moya; a deputada de Deportes, Cristina Capelán; e o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso. 

Este último puxo en valor o feito de que o 'EcoRallye' sexa "a única proba das súas características na Galiza", e augurou "un gran futuro" a este tipo de carreiras.

Pola súa banda, Luís Moya, dous veces campión do mundo de rallyes, afirmou non crer que este tipo de probas "puidesen ser tan apaixonantes". "Tes que estar moi concentrado, porque non é nada fácil lograr a regularidade", afirmou antes de destacar que o problema do vehículo eléctrico, ao contrario da crenza popular, "non está na autonomía, senón na ausencia de infraestruturas". 

Comentarios