A PREVIA

O Rácing defende este sábado o liderado nunha xornada decisiva para o Celta de Coudet

O Dépor visita un Castilla con vellos coñecidos da Copa de Campións de 2021 mentres o Pontevedra, o filial celeste e o Lugo buscan afastarse do descenso.
Ferrol recibe un Córdoba que aperta desde a segunda posición. (Foto: Rácing de Ferrol)
photo_camera Ferrol recibe un Córdoba que aperta desde a segunda posición. (Foto: Rácing de Ferrol)

Sete vitorias, un empate e cero derrotas. Ese é o balance das oito primeiras xornadas da Primeira RFEF para un excelso Rácing de Ferrol que é tamén o equipo menos goleado da liga —catro goles en contra— e que este sábado, ás 17 horas, recibe na casa un Córdoba que busca arrebatarlle a primeira posición. O equipo afronta o duelo coa ilusión de agasallar un novo triunfo á afección verde e, sobre todo, cun grupo unido.

"A xente asume o seu rol, non hai egos nin 'galos', somos todos iguais e imos polo mesmo camiño", dixo na previa Joselu, que ante o Ceuta puido disputar a segunda metade substituíndo —por molestias musculares— un incombustíbel Manu Justo que xa anotou cinco goles.

Saídas difíciles para Pontevedra e Celta B

O Pontevedra desprázase este sábado a León para medirse ante a Cultural (19 horas) nun partido crucial para afastarse dos postos de descenso, que agora marcan, empatados a sete puntos, os granates e mais o Celta B. Os de Antonio Fernández, se ben continúan invictos como locais, seguen errando a domicilio, cun empate —en Riazor— e tres derrotas no que vai de liga. "Non hai frustración, temos que seguir insistindo", dixo o técnico, que busca sumar os tres puntos após cinco xornadas sen gañar.

Nunha situación semellante afronta a fin de semana o filial do Celta, que o domingo viaxa a Linares (16h) para enfrontarse ao terceiro clasificado. Será un partido emocionante, pois os andaluces contaron por vitorias os seus catro encontros na casa e os celestes, se ben aínda non gañaron en Barreiro, amósanse imbatíbeis nas súas saídas, cun triunfo e tres empates.

O pasado visita o Dépor

En xuño de 2021 o Deportivo xuvenil fíxose coa Copa de Campións após derrotar na final o Barça, previa eliminación do Real Madrid. Boa parte dos xogadores que daquela defenderan a camisola branca volverán ter diante este domingo (18h) o equipo coruñés, ante o que, por entón, claudicou (1-0). Os branquiazuis deron xa sinais de mellora na estrea de Óscar Cano ante o Linares (2-1), e agora agardan reafirmar as boas impresións ante un Castilla que é oitavo.

O Lugo quere deter a seca

Sete xornadas consecutivas leva sen gañar un Lugo inmerso na zona crítica da clasificación. A escuadra albivermella recibe este domingo o Burgos (16.15h), terceiro, nun enfrontamento vital de necesidade. "Precisamos de todos, do equipo e da afección. Estamos unidos e moi motivados para conseguir a vitoria", dixo o centrocampista Xavi Torres.

Partido crucial en Balaídos

Finalmente, na segunda feira (21h) o Xetafe visita Balaídos nun momento delicado para o Celta, que vén de sufrir unha contundente derrota en Valladolid (4-1). O partido antóllase decisivo para Eduardo Coudet, cuxa continuidade, porén, non semella estar cuestionada, cando menos, polo de agora. Os celestes queren deixar atrás as malas sensacións e afastarse dos postos de descenso, agora a só dous puntos.

Comentarios