PREVIA | Todos os detalles da xornada ligueira

Á undécima debe ir a vencida para o Celta, mentres que Idiakez afronta un 'match ball' no Dépor-Barça B.
As achegas ofensivas de Iago Aspas na parcela ofensiva prometen volver ser determinantes para o resultado final do conxunto olívico. (Foto: LFP).
photo_camera As achegas ofensivas de Iago Aspas na parcela ofensiva prometen volver ser determinantes para o resultado final do conxunto olívico. (Foto: LFP).

A vencida non foi á terceira, como se adoita dicir. Nin á cuarta. Nin á quinta. Tampouco á décima. Pero si debe ir á undécima para un Celta que está obrigado a concluír dunha vez por todas unha xeira de partidos sen gañar na máxima categoría que se estende desde o pasado 1 de setembro, cando venceu o Almería no Estadio Xogos do Mediterraneo por 2 a 3.

O día para intentalo non podería ser mellor, pois será cun rival directo na zona baixa da clasificación como é o Cádiz, que antecede en dous postos e tres puntos a un Celta que saltará ao céspede do antigo Carranza ás 21 horas da noite do 4 de decembro.

O Rácing recibe un Albacete "en frecha vermella" 

A gran revelación da Segunda División, o Rácing de Ferrol, recibe ás 18.30 horas de mañá na Malata outro equipo que tamén está nun bo momento, como denotan os seus catro partidos consecutivos sen coñecer a derrota, o Albacete Balompié.

Dirixido polo galego Rubén Albés, este advertiu os Diaños Verdes cunha referencia que denota a súa idade (38), dicindo que os seus homes están "coa frecha vermella", símbolo co que os xogadores do videoxogo Pro Evolution Soccer revelaban que estaban nun gran momento a principios dos 2.000.

Non obstante, en Ferrol non se intimidan, e o defensa Enrique Clemente manifestou en rolda de prensa que van a por todas: "Temos calidade e enerxías abondo para conseguir o obxectivo".

'Match ball' para Idiakez contra o Barcelona B 

Na Primeira Federación, o foco de atención principal recae sobre un Deportivo da Coruña masculino no que Imanol Idiakez podería estar vivindo as súas últimas horas como preparador, pois de perder mañá (17 horas) no Mini Estadi contra o filial do Barça será destituído con case total seguridade.

Tanto é así que, cuestionado por se é consciente de vivir un match ball na Cidade Condal, o vasco recoñeceu que leva "30 anos" no mundo do fútbol e que, por iso, xa sabe "como funciona o asunto".

Pola súa parte, o Arenteiro, que avantaxa nun punto ao Dépor, colisionará dúas horas máis tarde en Espiñedo co Sabadell máis branquiazul, pois a formación catalá conta con dous ex do Deportivo como adestrador (Óscar Cano) e director deportivo (Carlos Rosende).

No referente ao Lugo, o antepenúltimo clasificado, Sestao, semella un rival accesíbel (hoxe, As Llanas, 16 horas), mais os biscaíños xa sorprenderon no pasado equipos teoricamente superiores como un Celta Fortuna que viaxa até A Rioxa para xogar co Logroñés ás 16 horas de maña.

A Saúde mental no deporte rei volve á palestra

O Deportivo feminino descansa esta fin de semana co gallo dos compromisos das seleccións -a galega Tere Abelleira encabezou o destacamento do combinado estatal que encheu onte Pasarón, en Pontevedra, co gallo dun choque contra Italia no marco da Nations League do que non podemos ofrecer a crónica nestas liñas por concluír fóra do horario de fechamento desta edición-, pero non por iso deixa de estar de actualidade.

A escuadra deportivista publicou onte un breve comunicado no que sinalaba que unha das súas xogadoras, Laurina, permanecerá á marxe do día a día do club "por tempo indeterminado" para "coidar da súa saúde mental", poñendo así de novo o foco nun eido cada vez máis relevante no deporte de elite.  

Comentarios