ciclismo

A PREVIA DO GRAN CAMIÑO | A emoción da Volta á Galiza percorrerá de novo as estradas galegas

A carreira regresa o próximo día 22 de febreiro.
Jonas Vindegaard, gañador das últimas dúas edicións do Tour de Francia e do Gran Camiño 2023, volve para reclamar o que é seu. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Jonas Vindegaard, gañador das últimas dúas edicións do Tour de Francia e do Gran Camiño 2023, volve para reclamar o que é seu. (Foto: Nós Diario).

Consolidada por completo no calendario ciclista internacional, a rolda anteriormente coñecida como Volta á Galiza e, desde o seu regreso no ano 2022 como 'O Gran Camiño', volve esta semana co seu mellor cadro de corredores e equipos desde o retorno da competición. Faga labor de hemeroteca, querido lector ou lectora, e repase a reportaxe publicada por estas datas e nestas mesmas páxinas dos Deportes de Nós Diario sobre O Gran Camiño en 2022.

Nas mesmas apelábase á nostalxia de nomes como Miguel Indurain, Álvaro Pino, Abraham Olano, Marco Pantani, Claudio Chiapucci ou Laurent Jalabert nas estradas galegas durante a década dos 90, unha morriña á que agora xa non é necesario recorrer para enxalzar unha carreira na que, por méritos propios, queren estar os mellores equipos e corredores do planeta no deporte das dúas rodas.

Etapas do Gran Camiño.

Porque serán, nin máis nin menos, que sete as formacións participantes da categoría World Tour, a elite da elite,  destacando por enriba de todas elas o Visma-Lease a bike, co seu líder, Jonas Vingegaard, á fronte.

O danés, que logrou imporse o ano pasado -completando o podio o portugués Rubén Guerreiro e o vasco Ion Izagirre-. volveu apostar pola cita galega para dar inicio á súa tempada, algo que confirmará oficialmente tan cedo como mañá nunha rolda de prensa que ofrecerá ás 14.30 horas nun coñecido hotel da cidade herculina.

Sen equipo propio, a galiza terá en carlos canal o seu representante 

Pero, que quede claro, O Gran Camiño non será un paseo militar para o gañador dos dous últimos Tour de Francia, porque no pelotón tamén estarán bloques do nivel de Ineos Grenadiers, Groupama FDJ, Arkea B&B Hotels, Education First ou Movistar, que medirán forzas con boas escuadras do circuíto Continental como ProTeam Polti Kometa, Q36.5 Pro Cycling Team, Euskaltel-Euskadi, Burgos BH, Kern Pharma y Caja Rural Seguros RGA; y los Conti Efapel, Sabgal Anicolor, Tavfer Ovos Matinados Mortágua, Tavira e Illes Balears Arabay.

Lamentabelmente non haberá ningún equipo galego na liña de saída, pois aínda non logrou superarse a dramática perda que supuxo a desaparición do malogrado Xacobeo Galicia en 2010, vítima dos recortes dunha Xunta da Galiza na que o tándem Feixoo-Rueda decidiu que representaba un gasto prescindíbel.

No plano individual, a baixa de última hora a causa da Covid do colombiano Nairo Quintana -maglia rosa do Giro en 2014 e podio do Tour de Francia en tres ocasións- non resta lustre a un evento que permitirá á afección do país seguir ao vivo -ou a través da pequena pantalla en Eurosport e a TVG- as evolucións de  estrelas como Egán Bernal (Ineos Grenadiers,  gañador do Tour 2019 e do Giro de Italia 2021), Richard Carapaz (Education First, primeiro no Giro 2019 e segundo na Vuelta a España 2020 e no Giro 2022) ou o mellor ciclista profesional galego da actualidade, Carlos Canal, quen aos seus 22 anos debutará coas cores do Movistar, conxunto co que asinou un contrato que se estenderá até a tempada 2024/25.  

Catro etapas que percorrerán todo o país

A Torre de Hércules, do mesmo modo que a Catedral de Santiago en 2023, será o emblema desta edición, pois é o punto de partida dunha contra o reloxo individual de 15 quilómetros que se desenvolverá integramente polas rúas da cidade herculina. Posteriormente, o pelotón encarará unha etapa de 3.000 metros de desnivel acumulado e 151,1 quilómetros de extensión entre Taboada e Chantada.

A penúltima tirada unirá Xinzo de Limia con Ribadavia (O Ribeiro), nun circuíto 'rompepernas' que servirá de antesala para a cuarta e derradeira, que sairá de Ponteareas e acabará no durísimo porto do Monte Aloia.

Comentarios