ciclismo

Team Jumbo Visma, o mellor equipo do mundo, repetirá participación no Gran Camiño de 2024

Os neerlandeses retornarán á Galiza como vencedores da edición do ano pasado da man de Jonas Vingegaard, no que sería o preludio dun ano inesquecíbel para o equipo, completando un triplete histórico con vitorias en Tour, Vuelta e Giro.
Jonas Vingegaard gañou este ano o Tour de Francia nunha tempada que comezou facéndose coa vitoria no Gran Camiño da Galiza. (Foto: Etienne Garnier / Belga / DPA)
photo_camera Jonas Vingegaard gañou este ano o Tour de Francia nunha tempada que comezou facéndose coa vitoria no Gran Camiño da Galiza. (Foto: Etienne Garnier / Belga / DPA)

O Gran Camiño volverá contar en 2024 coa participación do mellor equipo do pelotón internacional. O Team Jumbo Visma estará na liña de saída o próximo 22 de febreiro tras a súa exitosa experiencia de 2023. Os neerlandeses retornarán á Galiza como vencedores da edición do ano pasado da man de Jonas Vingegaard, no que sería o preludio dun ano inesquecíbel para o equipo, completando un triplete histórico coas vitorias de Primoz Roglic no Giro de Italia, Sepp Kuss na Volta a España e o propio Vingegaard no Tour de Francia.

A escuadra dos Países Baixos cambiará de patrocinador o próximo 1 de xaneiro, polo que competirá no Gran Camiño coa súa nova denominación: Team Visma-Lease a Bike. O obxectivo do equipo é continuar sendo o bloque dominador das principais probas ciclistas do calendario internacional.

Para iso mantén un bloque infestado de estrelas como Wout Van Aert —subcampión do mundo en 2023 e vencedor da E3 Saxo Classicx—, Dylan Van Baarle —gañador de Paris-Roubaix e Circuíto de Flandes—, Sepp Kuss —gañador da Volta a España— ou o propio Jonas Vingegaard, dominador da edición pasada do Gran Camiño, levando tres etapas e a clasificación final.

O corredor dinamarqués iniciou a súa tempada na Galiza, comezando unha marcha triunfal que o levou a facerse coa Volta ao Euskadi —gañando tamén tres etapas— e o Criterium Dauphiné —con dúas vitorias parciais—, aos que sumou un podio e dúas etapas na Volta a España, ademais da vitoria final no Tour de Francia.

O conxunto neerlandés mantén ademais un equipo cheo de referencias no pelotón internacional como son os casos de Robert Gesink, Wilco Kelderman, Tiesj Benoot, Steven Kruijswijk ou Cristophe Laporte. Tamén incorporaron ao seu plantel Matteo Jorgenson, ex de Movistar e un dos corredores máis prometedores do panorama ciclista. 

Nos próximos días iranse anunciando máis equipos que se incorporan ao pelotón do Gran Camiño 2024, así como as etapas que traerán o mellor ciclismo do mundo ás estradas galegas do 22 ao 25 de febreiro do vindeiro ano.

Comentarios