Comeza o Rally Rías Baixas máis concorrido da historia

O Rally Rías Baixas sumou 119 pilotos inscritos. A proba olívica recupera os tramos nocturnos.
Os coches que participarán no Rally Rías Baixas en Vigo (Foto: Escudería Rías Baixas).
photo_camera Os coches que participarán no Rally Rías Baixas en Vigo (Foto: Escudería Rías Baixas).

O 55º Rally Recalvi Rías Baixas, deu comezo esta quinta feira desde o centro de Vigo nun acto protocolario previo á competición que se iniciará hoxe. A proba, todo un clásico con validez para a Copa de España de rallys de asfalto, bateu este ano outro récord, neste caso de participantes, ao chegar aos 119, a máis numerosa do calendario oficial en todo o Estado español. 

Entre os pilotos que rodarán na proba organizada pola Escudaría Rías Baixas figura o actual líder da Copa, Víctor Senra, o piloto de Dumbría, que sairá co número 3 na porta do seu Skoda Fabia Rally 2 Evo, acompañado de David Vázquez. Ademais, parten de Vigo tamén os irmáns Vallejo co seu Porsche 911 GT3 e Álvaro Muñiz ao volante dun Hyundai i20 R5 e da Galiza son tamén Jorge Pérez, que correrá con Miriam Vega nun Skoda Fabia R5, Jorge Cagiao e Amelia Blanco farano sobre o Renault Clio Rallye 4. 

Novidades nos tramos

Esta edición conta con algunhas novidades respecto do ano pasado. Unha delas é o percorrido por Ponte Caldelas o sábado, que terá 12,41 quilómetros de lonxitude.

Outra será esta sexta feira mesmo ao recuperar a tradición dos tramos nocturnos entre Vigo-Nigrán e Gondomar-O Porriño. A acción da carreira comezará coa disputa do tramo cronometrado de Cualificación e o Shakedown pola mañá, para realizar xa o primeiro grupo de tramos pola tarde con dúas pasadas entre Vigo-Nigrán e entre Gondomar-O Porriño.

Para o sábado queda, ademais, unha segunda etapa, dividida neste caso en dúas seccións, que finalizará ás 18.30 horas, de novo na rúa Policarpo Sanz, no centro de Vigo.

O piloto máis rápido en completar os 125 quilómetros cronometrados desta edición subirá ao caixón máis alto do podio desta edición nunha cerimonia de entrega de trofeos que se celebrará ás 19 horas do sábado 1 de outubro na rúa Policarpo Sanz de Vigo. 

A proba olívica fora axendada inicialmente para finais de maio mais, como consecuencia da reorganización do calendario deportivo estatal por parte da Real Federación Española de Automobilismo (RFEF), a Escuadra Rías Baixas viuse na necesidade de cambiar a data inicialmente prevista para a organización da 55 edición do Rally Recalvi Rías Baixas para finais para estes días.

Comentarios