Vía Galega celebra timidamente unha nova Lei do Deporte "que abre portas"

A plataforma agarda que inflúa positivamente na súa ILP pola oficialidade
O gaélico xa compite internacionalmente, pero o seleccionador da Irmandiña, Jano Sanmartín, di que lle gustaría ver "máis seleccións". (Foto: GAA).
photo_camera O gaélico xa compite internacionalmente, pero o seleccionador da Irmandiña, Jano Sanmartín, di que lle gustaría ver "máis seleccións". (Foto: GAA).

A actualidade deportiva estivo totalmente condicionada estes últimos días polo debate sobre a nova Lei do Deporte na Comisión de Cultura e Deporte do Congreso dos Deputados.

O texto, que segundo o Consello Superior de Deportes (CSD) pretende "adaptar o marco xurídico do deporte a unha contorna moito máis complexa, desenvolvida e profesionalizada" que a existente cando se promulgou a normativa orixinal, que data de 1990, vén de sufrir unha serie de emendas entre as cales foi aprobada logo dun acordo entre PNV e PSOE unha transaccional que abre a porta a que seleccións territoriais de disciplinas "con arraigo histórico" poidan competir oficial e internacionalmente. 

Así, o artigo 44 da Lei do Deporte indica que "para a participación en actividades deportivas oficiais de ámbito estatal ou internacional, as federacións deportivas de ámbito autonómico poderán integrarse nas respectivas federacións españolas de existir estas", especificando que "as federacións deportivas autonómicas participarán directamente no ámbito internacional cando estas foran creadas antes da correspondente federación española. Do mesmo modo, poderán ser representantes no ámbito internacional se a correspondente federación deportiva internacional contempla a súa participación, e así o aproba a federación autonómica no caso de deportes con raizame histórica e social da súa comunidade". 

Inmediatamente, en Euskadi congratuláronse ante un futuro no que podería competir coas súas propias seleccións en modalidades como o surf, a pelota vasca, o rugby, o ciclismo, o boxeo, o montañismo ou o fútbol. Mais, cales serían as súas consecuencias na Galiza?

Para Anxo Louzao, portavoz da plataforma social Vía Galega, que a principios de outubro entregou no rexistro do Parlamento 6.644 sinaturas en apoio a unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que defende "o dereito da Galiza a poder competir oficial e internacionalmente coas súas seleccións deportivas", o novo texto semella "un paso adiante, pero insuficiente".

"Recoñece unha realidade, pero exhibe unha serie de limitacións e condicionantes a un dereito que moitas veces van ser difíciles de superar, porque o CSD e as federacións estatais terán que dar o seu visto bo, e iso vai ser complicado en non poucas ocasións", engadiu o voceiro de Vía Galega.

Louzao tamén fixo unha lectura en chave nacional ao dar "por feito" que un PSdeG "que non tiña unha posición clara ao respecto da ILP de Vía Galega" votará ao seu favor logo de que o portavoz socialista no Congreso, Patxi López, afirmara que "unha selección vasca de surf ou de pelota non vai romper España".

As emendas do BNG

E se Vía Galega traballa a prol da oficialidade das seleccións deportivas na Galiza, o BNG faino en Madrid, pois presentou un total de 12 emendas á Lei do Deporte, na que as competencias nesa materia adquiren un carácter primordial, como se demostra na súa proposta de modificación do artigo 11, que reclama explicitamente que se permita "a representación internacional das distintas federacións ou seleccións nacionais xunto coas de ámbito estatal no marco das competicións deportivas internacionais".

A selección galega de fútbol, entelequia coa que é posíbel soñar

En Euskadi soñan coa posibilidade de que a nova Lei do Deporte permita a definitiva oficialidade da súa selección nacional de fútbol, amparándose no argumento de que a súa federación ten "arraigo histórico", pois a súa selección leva xogando partidos desde 2015. O caso galego é moi similar, pois a Irmandiña festexa este mes de novembro o centenario do seu primeiro partido e a Federación Galega de Fútbol foi constituída o 14 de novembro de 1909, catro anos antes de que  en 1913 nacera a Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Porén, en Madrid e desde 2009 defenden que a data fundacional do ente estatal foi o 14 de outubro de 1909, un erro histórico que confunde a desaparecida Real Federación Española de Clubs de Football coa actual RFEF, o que podería ser usado como argumento contra as pretensións galegas.

Comentarios