Tres galegos e un destino: todo sobre a segunda rolda da Copa de Fútbol Sala

Noia, Burela e O Parrulo disputan o torneo do KO.
O Santa Coloma (de branco), verdugo ligueiro do Noia (de azul), colisionará co Parrulo Ferrol nun intenso duelo galego-catalá. (Futo: Noia Portus Apostoli).
photo_camera O Santa Coloma (de branco), verdugo ligueiro do Noia (de azul), colisionará co Parrulo Ferrol nun intenso duelo galego-catalá. (Futo: Noia Portus Apostoli).

Aparcada a Liga, os tres principais equipos do fútbol sala masculino galego -Noia Portus Apostoli, Pescados Rubén Burela e O Parrulo Ferrol- collen a remuda da acción no torneo do KO, unha Copa do Rei 2023 que alcanza a súa segunda rolda.

Todos eles entrarán saltarán ao parqué ás 20.30 horas do serán desta terza feira, mais unicamente o Noia Portus Apostoli, dada a súa condición de equipo da máxima categoría, actuará como visitante.

O rival da formación da Galiza será un vello coñecido da súa etapa na Segunda División, o Oleoinnova Mengíbar andaluz, un bloque "sempre incómodo que nos porá as cousas nada doadas", apuntan desde a formación noiesa. 

Sen case descanso logo da derrota en Santa Coloma a pasada fin de semana, o conxunto dirixido por Tomás de Dios buscará o desquite con catro xogadores do filial -Pau, Iván, Jorge e Lukas-, que tratarán de cubrir as baixas dos mancados Henrique, Lluc, Rufino e Altamirano.

A pesar da diferenza de categoría, faría mal o Portus Apostoli en fiarse dun Oleoinnova Mengíbar que na casa aumenta as súas prestacións da man de homes que combinan a experiencia de Ureña, Tortu ou Miguelao, Dani Martín, Colacha e o meta Cristian Ramos coa xuventude de Karim, Isma Vacas ou Ruano. 

Pola súa parte, o Pescados Rubén Burela, logo de deixar atrás un irregular inicio ligueiro, suma catro triunfos nos últimos cinco partidos, e tratará de obter o boleto para a terceira fase copeira no Pavillón de Vista Alegre ante  ATP Iluminación Tudelano Ribera Navarra, o antepenúltimo clasificado da Primeira División dunha Liga Nacional de Fútbol Sala que acolleu ese duelo galego-navarro até en oito tempadas consecutivas, a última en 2022, cando descendeu a formación mariñá, que o preparador do Ribera, Juanma Marrube, definiu como un dos "gallitos" da Segunda División.

Finalmente, O Parrulo Ferrol tamén colisionará contra un equipo da elite, Industrias Santa Coloma, curiosamente o verdugo do Noia a pasada fin de semana. Os cataláns, que están a un só punto dos postos de play-off, son favoritos nun partido no que O Parrulo quere dar a sorpresa.

Comentarios