O Pescados Rubén Burela busca recuperar o cetro ligueiro na finalísima ante Navalcarnero

De non conseguir o triunfo hoxe en Vista Alegre, o título decidirase nun terceiro partido
Na derradeira xornada ligueira Poio superou Burela por 2 a 1, polo que o resultado da eliminatoria non pode ser máis incerto. (Foto: RFEF)
photo_camera No encontro de ida, disputado en Madrid, a escuadra da Mariña logrou imporse por un tanto a dous. (Foto: RFEF)

Sábado, día 24 de xuño, 18 horas. Esta data leva na cabeza e o corazón de toda Burela desde que o Pescados Rubén conseguira o triunfo no partido de ida do play-off polo título da Primeira Federación Feminina de Fútbol Sala.

Esa vitoria inicial ante Atlético Navalcarnero no fogar das madrileñas no que é gran clásico do deporte a nivel estatal outórgalle a posibilidade á escuadra galega de levantar o título ante o seu público no Pavillón Municipal de Vista Alegre.  

De conseguilo, as Guerreiras Laranxas sumarán un pleno de títulos, pois levantarían os catro títulos aos que aspiraron na presente tempada.

Porén, o Futsi Atlético Navalcarnero, vixente campión, e verdugo, do Burela na última edición do torneo e primeiro clasificado na fase regular promete ser moito máis que un convidado de pedra, necesitando imperiosamente un triunfo que devolva a eliminatoria ao seu territorio para, xa co factor campo ao seu favor, disputar un terceiro e decisivo partido que de ter que xogarse tería lugar no Pavillón da Estación o próximo 27 de xuño.

A dimensión do encontro magnifícase tamén por ser o derradeiro -no caso de levantar o título no recinto de Burela- que dispute coa formación da Mariña a súa eterna capitá, Patricia González Mota, 'Peque'.

"Sobre todo, e ante todo, estamos moi concienciadas do que supón este partido, e con moitas ganas de dar o 100%", explicou a futbolista de 36 anos, apuntando que ve o Navalcarnero "como un equipo moi competitivo, que vai ir ao límite" e que non lles porá "as cousas fáciles".

Con todo, e recoñecendo que as súas rivais chegarán a Vista Alegre "ao 100%", conta con que ela e as súas compañeiras darán "o 200%" para que a súa traxectoria deportiva no Pescado Rubén Burela "remate cun título". Sobre ese final, revela que "non" pensa moito "para non chorar", así que o único que pretende é "gozar do partido".

Pola súa parte, o seu adestrador, Julio Delgado, confesou que o resultado da semana pasada en Navalcarnero permite afrontar con optimismo un choque que encara "coas forzas suficiente, a maior ilusión e, especialmente, cunha boa mentalidade".

No referente ao aspecto físico, conta con que "ambos os equipos estean cansos", pero para el o fundamental será o eido psicolóxico, onde ve as súas pupilas "bastante fortes". "A confianza é o noso punto forte, é algo que as xogadoras necesitaban e que conseguiron gañando o primeiro partido, polo que agora, diante da nosa afección, na nosa casa, toca rematar", engadiu, apostilando que o de hoxe será "un partido a cara de can", porque o Futsi é "un equipo moi competitivo, independentemente das circunstancias".

Comentarios