Baloncesto

Ourense quenta motores para o derbi da LEB Ouro

O líder, Básquet Coruña, visitará o Paco Paz esta fin de semana co liderado en xogo.
Diego Epifanio, técnico herculino, dando ordes aos seus pupilos. (Foto: Básquet Coruña).
photo_camera Diego Epifanio, técnico herculino, dando ordes aos seus pupilos. (Foto: Básquet Coruña).

A segunda categoría do baloncesto masculino estatal, a LEB Ouro, terá como gran atractivo da súa xornada 28 un derbi entre os dous representantes da Galiza: Básquet Coruña e Club Ourense Baloncesto (COB).

Programado o próximo sábado ás 19 horas no Pazo dos Deportes Paco Paz, o conxunto herculino, sólido líder -única posición que outorga o ascenso directo á Liga ACB- logo de sumar 21 triunfos polos 20 do Grupo Ureta Tizona Burgos e os 19 dun numeroso grupo de perseguidores que integran ICG Força Lleida, Movistar Estudiantes, Guuk Gipuzkoa Basket e Longevida San Pablo Burgos, defende o seu posto de privilexio ante un COB Ourense instalado comodamente na zona morna da táboa con 12 vitorias.

Consciente da transcendencia do encontro para alcanzar a anhelada meta de xogar a próxima tempada en ACB, a escuadra herculina lanzouse a organizar unha viaxe "para que todos aqueles afeccionados e afeccionadas laranxas que o desexen poidan desprazarse á Cidade das Burgas e animar o equipo fronte o Club Ourense Baloncesto", pois, explica, "é o momento de dalo todo".

Deste modo, aquelas persoas interesadas terán a opción de asistir horas antes do comezo do xogo para "confraternizar e gozar xunto coa afección do COB Ourense" nunha Fan Zone que abrirá as súas portas a partir das 14 horas do día de partido e que contará con música ao vivo, comida e bebida e unha área de xogos para os e as máis pequenas.

Non obstante, quen así o desexe tamén poderá subirse a un bus que partirá da explanada do Pazo dos Deportes de Riazor ás 15.30 e chegará pouco antes do comezo do derbi galego logo de percorrer os 177 quilómetros que separan ambos os pavillóns.

Segundo indicaron desde a directiva da formación laranxa, tanto a venda de boletos como a inscrición para as viaxes permanecerá aberta até o próximo 4 de abril, a uns prezos que van desde os 5 até os 24 euros.

Novas derrotas do Breogán e o Obradoiro na ACB

Ese posíbel ascenso do Básquet Coruña, se unha rápida reacción non o remedia, serviría para substituír o posíbel descenso dun equipo do país, pois Breo e Obra volveron perder -ante Bilbao (68-80) e Barça (84-89), respectivamente- na ACB e ocupan o penúltimo e antepenúltimo posto na táboa.

Comentarios