O Obradoiro renova o contrato de Rigoberto Mendoza

O ala internacional leva de baixa por lesión desde setembro. 
O ala, co presidente, Raúl López. (Foto: Monbus Obradoiro).
photo_camera O ala, co presidente, Raúl López. (Foto: Monbus Obradoiro).

O Obradoiro, un dos dous equipos da Galiza na elite do baloncesto masculino estatal, e Rigoberto Mendoza chegaron a un acordo para prorrogar a vinculación que une o xogador dominicano co conxunto capitalino.

Deste modo, e a pesar de non disputar nin un só minuto desde finais do pasado mes de setembro, o Consello de Administración considerou que o ala exhibira "os valores necesarios" para continuar vestindo a elástica obradoirista até o ano 2026. 

A causa da súa baixa é a fractura de tres vértebras logo dun mal golpe contra a base do soporte da canastra durante un partido de Champions League co Antalya turco,

O internacional de 31 anos e a escuadra galega oficializaron o acordo nun acto público levado a cabo na xornada de onte.

Alí, o presidente do Monbus Obradoiro, Raúl López, non ocultou a súa "satisfacción" por estender o contrato dun home que chegou a Santiago de Compostela este verán tras xogar o Mundial coa República Dominicana.

"O Consello de Administración en pleno está encantado de renovarlle. É un gran profesional e unha mellor persoa. Ese é o tipo de home que necesita este club. Desde o momento no que se lesionou sufrimos a súa ausencia deportiva, e confiamos moito en que, cando volva, sexa un Rigoberto Mendoza aínda mellor. Para nós será unha gran fichaxe", afirmou o mandatario.

Comentarios