Baloncesto

Champions League: o Breogán abre a porta do desquite europeo ante o Hapoel israelí

Tratará de vingar no Pazo a súa derrota en Lituania.
O 'play-in', obxectivo galego. (Foto: CB Breogán).
photo_camera O 'play-in', obxectivo galego. (Foto: CB Breogán).

O bo das fases de grupos é que sempre conceden unha segunda oportunidade para o desquite, que o Leite Río Breogán terá a oportunidade de obter hoxe ante o Hapoel Holon de Israel.

Hai hoxe unha semana, e en Riga (Lituania), onde os do Próximo Oriente disputan os seus partidos como locais da Basketball Champions League até que a situación no seu país de orixe se estabilice, a escuadra galega estivo a piques da asinar unha gran remontada, pois recortou até 15 puntos de desvantaxe para rematar perdendo 84-79. Tanto nadar para morrer na beira, que se adoita dicir.

Non obstante, o conto ten moitas trazas de cambiar co Breogán actuando como local, e impulsado pola forza dun público que promete ateigar o Pazo Provincial a partir das 20.30 horas aspira a lograr un triunfo que lle deixe practicamente garantido, canto menos, o terceiro posto do Grupo 'F'.

Esta posición é determinante de cara a que o Breo siga vivo na competición, pois o cuarto e último clasificado -posición que actualmente ocupa o Bursaspor Info Yatirim turco, aínda que cun partido menos- estará automaticamente eliminado. Pola súa parte, o primeiro accederá directamente á rolda de oitavos de final. O segundo e o terceiro, non obstante, obterán o boleto para un decisivo play-in.

Comentarios