Baloncesto

Fichaxe NBA: o Leite Río Breogán reforza o seu xogo interior con Justin Anderson

O ala americano participou en 242 partidos da máxima categoría dos Estados Unidos.
A nova fichaxe do Breo, durante a súa etapa na NCAA (Foto: BR).
photo_camera A nova fichaxe do Breo, durante a súa etapa na NCAA. (Foto: BR).

O Leite Río Breogán moveu ficha no mercado para tratar de frear a hemorraxia de derrotas que está sufrindo na Liga ACB, onde só foi quen de gañar un dos seis partidos que disputou até o de agora. A súa última fichaxe foi o ala estadounidense Justin Anderson, que conta con 1,98 metros de altura e 30 anos de idade.

Formado na universidade de Virxinia (Virxinia Cavaliers NCAA), Anderson foi elixido en primeira rolda do Draft da NBA en 2015 polos Dallas Mavericks, obtendo desde ese momento unha ampla experiencia na liga norteamericana, onde alternou presenzas esporádicas en varias franquías de renome coa participación nos territorios de desenvolvemento da G League.

Así, de 2015 a 2017 pertenceu aos Mavericks, compatibilizándoos co equipo Texas Legends da G League. Despois pasou polos Philadelphia Sixers (2017/18) e os Atlanta Hawks (2018/19) até que na tempada 2019/20 asina polos Brooklyn Nets, logo de probar coas escuadras de desenvolvemento Raptors 905 e Long Island Nets, onde coincidiu co ex breoganista Dzanan Musa.

Na campaña 2021/22 xogou en NBA con Cleveland e Indiana, saltando desde aí até a formación de G-League Fort Wayne Mad Ants, con base na mesma Indiana, onde fixo de media 19,6 puntos, 5,2 rebotes, e 5,1 asistencias en 49 partidos, uns números que foron o seu pasaporte á selección nacional estadounidense, que o chamou para ser parte das clasificacións para o Mundial. 

Desde Lugo congratuláronse pola súa incorporación, definindo Justin Anderson como un home "con gran capacidade de anotación, potencia, tiro e pase".

Comentarios