2.000 loitadoras conquistarán Pontevedra no Mundial Sub-20

Unha das probas máis importantes que se levarán a cabo en territorio galego ao longo do 2024 será o Mundial Sub-20 de Loitas Olímpicas, un certame que se desenvolverá entre os días 2 e 8 de setembro do vindeiro ano e para o cal xa se está traballando, como demostra o paso dado esta cuarta feira polo Concello da Boa Vila.
Miguel Anxo Fernández Lores (na cabeceira) foi designado como presidente do Comité Organizador. (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores (na cabeceira) foi designado como presidente do Comité Organizador. (Foto: Concello de Pontevedra).

O Mundial Sub-20 de Loitas Olímpicas que se desenvolverá en Pontevedra do 2 ao 8 de setembro do vindeiro ano 2024 xa ten Comité Organizador, constituído oficialmente no nesta cuarta feira.

Presidido polo alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lóres, a sala de Xuntas do Concello foi o escenario escollido para continuar dando pasos cara a un dos eventos deportivos máis grandes que acollerá a Galiza o próximo ano e para o cal traballarán unidas tanto as tres Administración Públicas implicadas (Xunta da Galiza, Concello e Deputación de Pontevedra) como o Consello Superior de Deportes (CSD), as federacións Galega e Española, e a United World Wrestling, a súa homóloga a nivel internacional.

Segundo revelou o rexedor pontevedrés unha vez rematado o acto, o Comité estima en aproximadamente 2.000 o número de deportistas que se desprazarán até Pontevedra para ser parte do Mundial de Loitas Olímpicas, procedentes de "70 países distintos", entre eles tamén, previsibelmente, os e as de dúas das principais potencias desta modalidade, Rusia e Bielorrusia, que levan vetadas desde o inicio das hostilidades bélicas na Ucraína, en febreiro de 2022.

Ademais, Lores lembrou que se vén quedaron sen o Mundial de Grappling —que se desenvolverá en Acerbaixán—, están "estudando"  a posibilidade de intentar acoller o Campionato de Europa desta disciplina, e que podería engadir dous días máis ao espectáculo, concretamente "o 9 e o 10 de setembro, sumando 400 deportistas extra" á cita.

Con respecto ao coste do certame, o alcalde adiantou que será "superior ao millón de euros", recoñecendo, non obstante, que o orzamento "non está fechado ao 100%".

Neste sentido, o director da proba, Pablo Pintos, salientou que "os estudos previos indican que cada euro público investido xerará uns seis de cartos privados, o que derivará nun retorno económico realmente importante, do que preto de 85 % vai quedar, de forma directa, en empresas e servizos da cidade de Pontevedra ou da súa provincia".

Comentarios