As mulleres avanzan no motor galego
O automobilismo é un dos deportes, na actualidade, con menos presenza feminina. Porén, non son poucas as mulleres que se abriron paso no mundo do motor. Na Galiza, non é difícil identificar exemplos como o de Maite Vilanova, piloto de rallys e na actualidade presidenta da Escudaría Miño, ou a tamén piloto Lorena Abreu, que comezou en 2005.
Nos últimos anos incorporáronse outras como é o caso das pilotos Rocío Lorenzo, Ruth Ortega ou Evelyn Solares, ademais das copilotos Mara Fontán, Bea Ouvel, Estela Fernández ou Uxía Carballo e a mecánica Alexandra Mayo.
Máis presenza feminina
Ruth Ortega é unha das firmes defensoras da presenza das mulleres no mundo do motor galego desde que comezou hai seis anos no automobilismo. A naronesa formou parte da candidatura que agora rexe a federación galega e quere promover a participación feminina neste deporte.
“Vímolo na foto da gala da semana pasada, hai oficiais e organizadoras mais faltan pilotos”, explica a Nós Diario. No caso da preparación das probas pon como exemplo o vindeiro Rally da Auga (24 e 25 de marzo), na comarca de Ordes, “onde case o 100% da organización está formada por mulleres”.
Considera que “hai pilotos moi boas pelexando con homes” e non hai diferenza entre homes e mulleres “no momento en que se poñen o casco e comezan a correr”. Porén, cre que poderían ter máis oportunidades “se contan con apoio económico axeitado”. Ortega aposta por realizar campus, formacións e fomentar iniciativas como o Open Gadis Donas.
Comezar de copiloto
A entrada no automobilismo acostuma a ser por vía familiar, tamén as mulleres. É o caso de Estela Fernández que desde pequena estivo arrodeada de coches e motos e rematou entrando na competición o ano pasado.
Fixo un curso intensivo con Antonio Solórzano e comezou, con 24 anos, como copiloto nos rallys de San Froilán, A Mariña e o Pazo Tizón. “Cando se presentou a oportunidade de ser copiloto aproveiteina, mais tírame tamén ser piloto”, recoñece a Nós Diario.
Apunta que é unha vía de entrada por estar máis valorada a muller “cando se ten que cantar as notas nun rally”. Porén, o problema, asegura, “segue a ser o económico, faltan apoios neste sentido”, conclúe.