Moaña fecha a Xira galega de balonmán praia da Copa Federación

A Copa Federación dará a coñecer os equipos gañadores da Xira galega de balonmán praia que terá lugar esta fin de semana na praia da Xunqueira de Moaña.
Un dos encontros da Xira (Foto: FGB)
photo_camera Un dos encontros da Xira (Foto: FGB)

Desde hoxe e até o 25 de xullo terá lugar na praia da Xunqueira de Moaña a Copa Federación, a cuarta e última proba da Xira galega de balonmán praia 2022.

Ademais, sumando os resultados desta última proba á actual clasificación provisional da Xira, coñeceranse os equipos campións das diferentes categorías.

A Xira galega de balonmán praia está conformada por catro  probas. As dúas primeiras, que se disputaron en Bueu e Moaña, formaron o Torneo Mancomunidade de Concellos do Morrazo, patrocinador principal da desta competición.

Posteriormente celebrouse o Torneo Concello de Moaña e agora sería a quenda da Copa Federación. A competición  desta fin de semana será, sen dúbida algunha, unha proba decisiva para coñecer aos diferentes campións galegos, xa que nestes intres non hai ningunha categoría decidida. Incluso na sénior masculina, onde o Servisub Area Bueu manda con 500 puntos de vantaxe, para certificar o título ten que superar a liga de grupos. 

Por outro lado, a Federación deu a coñecer a través da súa páxina web o resultado do sorteo dos grupos de competición para a Copa Federación e a liga en todas as categorías.

Belén Silva ficha polo Coreti Balonmán Lalín 

Alén do balonmán praia, os equipos da liga feminina seguen preparándose para a vindeira tempada. Entre eles está o Coreti Balonmán Lalín, da Primeira Galega, que onte anunciou a incorporación de Belén Silva que tamén exercerá de preparadora física no conxunto sénior.

Tamén neste club fíxose pública a renovación da primeira liña Alba Mariño que un ano máis continuará ás ordes do técnico Budi no Coreti feminino.

Comentarios