Europa, obxectivo do Atlético Guardés no final ligueiro

Un punto separa ás do sur da Galiza da súa meta 
Descalzo, Arcos, Calzado e Pessoa despídense do Guardés. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera Descalzo, Arcos, Calzado e Pessoa despídense do Guardés. (Foto: Atlético Guardés).

O Mecalia Atlético Guardés conclúe hoxe ás 19 horas o seu camiño no curso 2021/22 na pista do Saúde Tenerife co obxectivo, aínda sen fechar, de lograr a que sería a súa décima clasificación consecutiva para competir en Europa, tantas como tempadas acumula na División de Honra de balonmán. 

Con esa misión viaxa á illa un conxunto miñoto do que estará á fronte por derradeira vez José Ignacio Prades. O técnico de Petrer, o mellor da historia do club, escribirá no barrio tinerfeño da Saúde o último capítulo do seu magnífico libro no Guardés. E, por suposto, quere facelo deixando o equipo que o ano próximo dirixirá o seu compañeiro de corpo técnico, Abel González, en postos europeos.

Para logralo bástalle un punto teoricamente sinxelo de lograr ante unha escuadra tinerfeña que leva semanas descendida e que nunca tivo opcións reais de permanencia ao longo da campaña, a pesar dos numerosos cambios de xogadoras e no corpo técnico, sumando até o de agora soamente cinco puntos.

O encontro será moi especial tamén para Paula Arcos, Gabriela Pessoa e Nazaret Calzado, que deixan o Atlético Guardés, e máis aínda para Estefanía Descalzo, que xogará o seu último partido na elite, pois a valenciana retírase tras unha magnífica carreira para centrarse no seu labor profesional como enfermeira, que alternou coa súa actividade deportiva en gran parte da súa traxectoria. Arcos, Pessoa e Calzado, pola súa parte, continuarán coas súas traxectorias noutros clubs.

Adeus na casa do Balonmán O Porriño

O outro representante galego na máxima categoría do balonmán estatal, o Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño, afrontan un final ligueiro -contra o Granollers, hoxe ás 19 horas- máis tranquilo, pois xa está salvado e non ten opcións de xogar en Europa o próximo ano.

Con todo, o seu adestrador, Ismael Martínez, non está de todo satisfeito: "Penso que non completamos os obxectivos que formulamos a comezo de tempada, aínda que si o mínimo da permanencia, e con bastantes semanas de antelación, pero tanto o club como xogadoras e corpo técnico desexabamos estar un pouquiño máis arriba, como mínimo entre as oito primeiras".

comentarios