Sanxenxo, capital estatal do balonmán praia

Silgar tamén acollerá o primeiro Arena 1.000.
Selección galega de balonmán praia (Foto: FGB).
photo_camera Selección galega de balonmán praia (Foto: FGB).

Sanxenxo será a sede do Campionato de España de Seleccións Territoriais (CESA) de balonmán praia do 24 ao 26 de xuño, certame que chega da man da Federación Galega de Balonmán e a súa homóloga estatal, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo e a Xunta da Galiza.

O municipio galego acollerá a segunda edición dun torneo onde os distintos combinados das categorías xuvenís, cadetes e infantís masculinas e femininas competirán por alzarse co título de campións. Pero ademais, nesas mesmas datas a praia do Silgar tamén será sede dunha das tres probas de Arena 1000 da nova tempada de balonmán praia.

Esta será a segunda edición do CESA de balonmán praia, e a Galiza terá representación nas seis competicións (infantil, cadete e xuvenil, masculina e feminina). Será unha grande oportunidade para ver en acción aos novos talentos nunha especialidade espectacular que, sen dúbida, non deixará indiferente a ninguén. 

Por outra parte, Silgar acollerá paralelamente ao CESA o primeiro Arena 1.000 da tempada 2022 de balonmán praia. A principal novidade desta nova proba confirmada do Arena Handball Tour é que unicamente competirán equipos pertencentes á categoría sénior.

A Guarda, sede da final da Segunda Galega

Menos haberá que agardar para asistir a outro espectáculo de balonmán, neste caso sobre pista. O pavillón da Sangriña da localidade da Guarda -na que habitualmente xoga como local o poderoso Atlético Guardés- acollerá esta fin de semana, concretamente entre mañá sábado e o domingo 22, a final a catro da Segunda Galega masculina entre o propio Guardés, Balonmán Loriga, Sanxenxo e Luceros.

Comentarios