Maider Barros, xogadora do Porriño: "Non quero que o balonmán sexa como un traballo"

Chegou desde Euskadi até O Porriño con apenas a maioría de idade para "medrar" como xogadora dun deporte do que quere conservar a paixón para sempre, evitando que se converta "nun traballo que tes que facer con pesar". Ela é Maider Barros (Errentería, 2001), unha das grandes promesas do balonmán estatal.
A de Errentería seguirá na Galiza, polo menos, un ano máis. (Foto: Balonmán O Porriño).
photo_camera A de Errentería seguirá na Galiza, polo menos, un ano máis. (Foto: Balonmán O Porriño)

—Remata a Liga Guerreiras pero para vostede non acaba a troula, pois foi incluída na lista de 32 xogadoras que prepararan os Xogos Mediterráneos, que se levarán a cabo desde o 25 de xuño en terras alxerinas. Supón esta chamada un recoñecemento á fulgurante progresión dunha muller que hai apenas tres anos daba o salto do xuvenil do Zuazo ao primeiro equipo de Barakaldo?
A verdade é que para min a chamada foi unha grata sorpresa, non a agardaba para nada, pero recibín a noticia con moitísima ilusión. É unha recompensa ao traballo que fixen ao longo de toda a tempada, polo traballo ben feito, e supón unha motivación absoluta para seguir así. Agora toca gozar da experiencia e ser como unha esponxa para empaparme de todo o que me ensinen.

—Non obstante, supoño que tamén cun punto de decepción por saber que non será parte da listaxe definitiva de 16 xogadoras que voará até Alxeria. Ou saca unha lectura positiva por saber que está no radar dun seleccionador, José Ignacio Prades, que até hai apenas unha semana era o técnico das súas veciñas do Atlético Guardés?
Decepción? Ningunha. Para min estar nesa lista de 32 é como un regalo. A experiencia de poder adestrar cunha serie de xogadoras de tanta calidade, tremendas, que en ningún momento cheguei a pensar que estaría con elas, nunca pode ser unha decepción. Pularei por elas desde a casa e sentíndome parte do grupo igualmente.

—Como apuntaba anteriormente, hai apenas tres anos fechaba a súa etapa xuvenil. Cando asinou polo Balonmán O Porriño, no verán de 2021, declarou que chegaba para "aprender e mellorar", cousa que queda clara que conseguiu. O seu futuro no deporte semella máis que prometedor, onde está o límite para Maider Barros?
Agora mesmo non sabería responder (ri). O meu obxectivo é seguir traballando e medrando, sempre mentres que goce, porque para min non hai outro modo de entender o balonmán, non quero que sexa como un traballo que teña que facer con pesar.

—Destaca na posición de estremo dereita, onde fai alarde da súa velocidade causando estragos nas defensas rivais durante os contraataques, até o punto de rematar a Liga Guerreiras como terceira máxima goleadora do equipo, a 57 a nivel global do campionato, materializando 68 tantos cunha media de 2,83 por partido. Satisfeita?
Si, moito, estou moi contenta polas miñas marcas, pero debe quedar claro que non as conseguiría sen a axuda das compañeiras, porque ao final as goleadoras existen grazas ao traballo do resto do grupo, polo que esta clase de distincións para min son recompensas grupais máis que individuais.

—Mais, pondo o foco nese plano individual, hai algunha xogadora ou xogador que a inspire, que use como modelo para parecerse, medrar e seguir mellorando?
Un dos meus principais referentes é Maitane Etxeberria. Ademais, somos as dúas de Guipúscoa (ri). É unha rapaza que ten unha efectividade enorme, e ademais é unha das mellores xogadoras da Liga, encantaríame achegarme un pouquiño a como defende ela, e sen obviar tampouco que tamén é das mellores da Liga ao contraataque.

—Dada esa perfecta mestura de xuventude e rendemento, non lle faltarán ofertas a pesar de ter contrato por outro ano máis co Porriño. Seguiremos gozando co seu balonmán na Galiza durante a tempada 2022/23?
Si, teño un contrato asinado que inclúe a próxima tempada e aquí seguirei aprendendo das miñas compañeiras e de Isma [Ismael Martínez, técnico do Balonmán O Porriño].

Comentarios