Fútbol | Copa

Meritoria derrota do Pontevedra ante o Mallorca

Gran partido do Pontevedra ante o Mallorca nos dezaseisavos de final da Copa que, non obstante, non foi abondo para lograr a clasificación para os oitavos de final, pois rematou perdendo por 0 a 2 tras ser quen de aguantar o empate a cero inicial até a prórroga.  
Os granates, esgotados fisicamente, non foron quen de manter a intensidade no tempo engadido e acabaron por perder 0 a 2 (Foto: David Rodiño).
photo_camera Os granates, esgotados fisicamente, non foron quen de manter a intensidade no tempo engadido e acabaron por perder 0 a 2 (Foto: David Rodiño).

Ante un Pasarón que mostraba un ambiente fantástico nas bancadas o conxunto granate saltaba ao terreo de xogo con Álvaro Cortés; Churre, Soto, Luis Martínez, Samu Araújo; Miguel Román, Jon Bakero, Calvillo, Álex Masogo, Álex González; e Martín Diz.

O campión da Copa do Rei de 2003, pola súa parte, optaba por Greif; González, Copete, Franco Russo, Nastasic, Cufré; Kadewere, Ruiz de Galarreta, Grenier, Amath; e Ángel, un once con maioría de suplentes con respecto á Liga.

Esa confianza que denotaba a aposta do técnico bermellón polos menos habituais notouse no devir da primeira metade, pois a pesar de contar con máis e mellores ocasións a escuadra insular non foi quen de desfacer o resultado gafas, 0-0.

De feito, despois da reanudación o Pontevedra estivo a piques de adiantarse no marcador cun gran testarazo de Miguel Román, que obrigou Grief a protagonizar unha gran intervención.

Os futbolistas da Cidade do Lérez non só non reduciron as súas prestacións nos segundos 45 minutos, senón que volveron pór en apuros un Mallorca que, incapaz de perforar a portería local, aceptou como mal menor unha prórroga na que foi mellor e anotou os dous goles que lle deron o triunfo final.

Derik Osede ocupará a praza de Mario Ortiz

Mario Ortiz, que deixou o Pontevedra para asinar polo Alxeciras, xa ten substituto. E estaba na casa. Trátase de Derik Osede, defensa central que leva desde o pasado verán adestrando co resto do grupo, mais non contaba con ficha, polo que só podía disputar partidos amigábeis.

Agora, este home formado na canteira do Real Madrid e que participou en oito encontros defendendo as cores do Deportivo na Coruña, até que sufriu unha grave lesión o 7 de marzo de 2021 no tendón de Aquiles xogando, curiosamente, contra o Pontevedra, volverá sentirse futbolista, pois non competiu en ningún choque de carácter oficial desde esa fatídica data.

Comentarios