O Pontevedra recibirá o Mallorca nos dezaseisavos de Copa

Partido inédito no torneo do KO.
O primeiro Pontevedra-Mallorca foi en Primeira na 65/66. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O primeiro Pontevedra-Mallorca foi en Primeira na 65/66. (Foto: Nós Diario)

As aspiracións dos equipos máis humildes do sorteo de Copa, como é o caso do Pontevedra, son distintas as dos equipos de categoría superior. Por exemplo, o Celta preferiría un rival máis modesto que o Espanyol para poder chegar á eliminatoria con máis opcións de avanzar.

Non obstante, o Pontevedra, o outro representante da Galiza no sorteo e un dos oito equipos de Primeira Federación que alcanzaron os dezaseisavos de final, sempre aspiran -empregando o cerebro máis que o corazón- a que o sorteo lles emparelle cun rival 'top', como Real Madrid ou Fútbol Club Barcelona, que sempre garanten unha enorme recadación no despacho de boletos.

Con todo, nesta ocasión o resultado foi un pouco "pan sen sal", como se adoita dicir, pois se ben o rival dos granates, o Mallorca, é un equipo de Primeira División, ten un atractivo moi afastado do dos grandes, ou mesmo doutros conxuntos como o veciño Celta, Betis, Athletic ou Real Sociedade.

O duelo, inédito no torneo do KO, terá lugar no Estadio de Pasarón entre os días 3 e 5 de xaneiro de 2023.

Anteriormente, enfrontáronse en 10 ocasións, todas entre 1965 e 1973 na Primeira e a Segunda División, acumulando o Pontevedra catro vitorias, dous empates e catro derrotas.

Comentarios