Centenario do Celta

Do capitán Vicente ao malogrado Giovanella, sen esquecer Makélélé: quen foi mellor?

As lectoras e lectores de 'Nós Diario' elixen na enquisa de hoxe o segundo mediocentro do noso 'XI dos cen anos' do Real Club Celta, partindo dunha pequena escolma que protagonizan Pablo Olmedo, Luís Villar, Vicente Álvarez, Claude Makélélé e Everton Giovanella. Esta segunda feira, para designar o primeiro dos centrocampistas, foi a quenda de Santiago Castro, Vicente Engonga, Mazinho, Borja Oubiña e Tucu Hernández.

E, para ti, quen foi o mellor? Vota na nosa enquisa diaria!

Unha pequena escolma de mediocentros para elixir o segundo do noso 'XI dos cen anos'.
photo_camera Unha pequena escolma de mediocentros para elixir o segundo do noso 'XI dos cen anos'.

Seguimos avanzando na conformación do noso 'XI dos cen anos' do Real Club Celta grazas ás lectoras e lectores de Nós Diario. Hoxe é a quenda do segundo mediocentro, logo de elixirmos o primeiro entre catro grandes nomes da centenaria historia celeste como son os de Santiago Castro, Vicente Engonga, Mazinho, Borja Oubiña e Tucu Hernández. E agora toca completar a medular cun segundo futbolista dentro dunha pequena escolma que, de seguro, fará moi difícil a elección.

Comezamos cun histórico dos anos 50, Pablo Olmedo, que chegou a Vigo cedido polo Real Madrid en 1951. Tras ese curso regresou a Chamartín e, con todo, decidiu volver vestir a celeste xa na seguinte campaña, a 1953-54, e non se desprendeu dela até a súa retirada en 1960. Olmedo, caracterizado pola súa destreza na área rival, anotou nada menos que 56 goles en 183 partidos oficiais co Celta e tornou nunha peza indispensábel para o equipo nas oito tempadas que disputou en Balaídos.

Avanzamos uns poucos anos para chegarmos ao segundo preseleccionado, Luís Villar, formado na canteira e da mesma xeración que o 'gran capitán' Manolo. Destacaba tanto no centro do campo como na liña defensiva, e del dicían que era un dos mellores efectivos que tiña o Celta naqueles anos. Participou en 234 encontros ao longo de 13 tempadas (1967-1980) e marcou cinco goles. Formou parte da primeira experiencia celtiña en competición europea.

E se antes falabamos do capitán Manolo, outro que tamén o foi, e que é lembrado con moito agarimo en Balaídos, é Vicente Álvarez. O ourensán é o sexto con máis partidos oficiais ás súas costas de toda a historia do clube: 353, con 14 goles anotados, ao longo de 16 tempadas case ininterrompidas —coa excepción do curso 1982-83, no que defendeu as cores do Rácing de Ferrol— entre 1979 e 1996. Xogou en Segunda B, Segunda e Primeira e disputou a final de Copa fronte ao Zaragoza de 1994.

Aínda que só vestiu dúas campañas a celeste, Claude Makélélé deixou unha forte pegada en Vigo e aínda hoxe é considerado por moitos seareiros e seareiras como o mellor mediocentro que tiveron os celtiñas ao longo da súa historia. Entre 1998 e o 2000 xogouno practicamente todo e viviu as grandes noites de gloria do 'EuroCelta' fronte a rivais de altísimo nivel como Juventus e Liverpool. Participou en até 88 encontros e bateu o porteiro contrario en cinco ocasións.

E desa mesma época é o brasileiro Everton Giovanella, compañeiro de Makélélé na medular no seu primeiro ano, 1999, e peza chave tamén para Víctor Fernández. O seu papel en Balaídos foi, con todo, de máis a menos e rematou da peor maneira posíbel, de forma abrupta, nun control antidopping en 2004. Deu positivo en nandrolona e foi inhabilitado durante dúas tempadas, mais el sempre negou a dopaxe e levou o caso aos tribunais. Coa camiseta do Celta disputou un total de 194 partidos e marcou un gol. Retirouse no Coruxo en 2008, após concluír a súa sanción.

E, para ti, quen foi o mellor mediocentro do Celta após a primeira elección desta segunda feira? Vota na nosa enquisa!

Comentarios