O mellor do pádel internacional estará na Coruña até o 18 de febreiro

O novo circuíto 'Ultimate Pádel Tour' debuta na Galiza.
Rebeca López, en accción sobre o sintético de Expocoruña. (Foto: Ultimate Pádel Tour).
photo_camera Rebeca López, en accción sobre o sintético de Expocoruña. (Foto: Ultimate Pádel Tour).

O pádel é un dos dez deportes máis practicados na Galiza por número de licenzas. Segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE), esta disciplina fecha o 'Top-10' con 8.116 fichas federativas, axexando moi de preto os seus inmediatos predecesores, ciclismo (8.465) e judo (8.971).

Agora, ese pulo trasládase á organización de eventos, pois a Galiza, e máis concretamente A Coruña, foi a sede escollida para albergar a primeira proba oficial a nivel estatal no conxunto de España, o Ultimate Pádel Tour, un certame que achegou até a cidade herculina máis de 220 participantes non só da Galiza e do propio Estado español, senón tamén de países como os Estados Unidos, o Brasil, a Arxentina, Francia ou Italia.

A relevancia do evento increméntase tendo en conta que esta é a cita inaugural do Ultimate Pádel Tour, un circuíto de nova creación que constará de 12 paradas, dous torneos internacionais e un Máster que aspira a contar  co mellor do circuíto profesional tanto na categoría feminina como na masculina, ofrecendo premios de 140.000 euros para ambos os sexos.

Debido a isto, no recinto de Expocoruña, onde a acción xa comezou a pasada segunda feira coa fase previa e estenderase  até o domingo 18 de febreiro coa fase final, medirán forzas algúns dos nomes máis destacados do planeta, como Sofía Araújo, Virginia Riera, Jess Castelló, Claudia Jensen, Marta Talaván, Lorena Rufo, Carolina Navarro, Marina Guinart, Carolina Orsi ou Marina Lobo.

No referente aos homes, e coa mala nova da eliminación na previa dos galegos Pablo Olmo e Pedro Sousa, que deberán agardar para estrearse como profesionais, brillan parellas como Lucas Campagnolo-Agustín Gutiérrez, Juan Cruz Belluati-Pincho Fernández ou a de Javi Rico e Juanlu Esbrí.

Comentarios