A selección de pádel de Euskadi xogará unha competición oficial

O combinado vasco disputará o Campionato de Europa.
Selección feminina de Euskadi de pádel (Foto: Pádel Derio).
photo_camera Selección feminina de Euskadi de pádel (Foto: Pádel Derio).

A loita de Galiza, Catalunya e Euskadi dentro do Estado español para o seu recoñecemento como entidades deportivas propias e a prol da súa participación en competicións oficiais e internacionais dá un paso máis, logo de que a Federación Europea de Pádel (Fepa) aceptase a participación do combinado vasco no inminente Campionato de Europa de Pádel, que se disputará en Bilbao a partir do vindeiro día 4 de outubro e se estenderá até o 9 do mesmo mes.

Deste modo, Euskadi competirá de ti a ti -e con serias opcións de metal, ou mesmo de facerse co título- contra nacións como Austria, Croacia, Chequia, Dinamarca, Estonia, Finlandia, Alemania, Moldavia, Hungría, Italia, Mónaco, Polonia, Portugal, Rusia e Suiza.

Non estará presente, polo contrario, selección española de ningún tipo, pois a federación Estatal de pádel renunciou a participar a causa do conflito que sostén coa Fepa, pois actualmente só recoñece as competicións organizadas pola Federación Internacional de Pádel (FIP).

Esta decisión do organismo reitor do pádel en España foi a que posibilitou a participación da selección de Euskadi no torneo sen contravir a legalidade do Estado español, de acordo coa sentenza do Tribunal Constitucional emitida en 2012 e que supedita a representación das federacións "autonómicas" á ausencia dunha representación Estatal.

Apoio do Goberno vasco

O torneo consta dunha fase previa que terá lugar nas sedes de sete clubs biscaíños diferentes, rolda da que sairán os e as participantes en dúas semifinais e unha gran final localizada no Frontón Bizkaia.

A organización deste Campionato de Europa conta co apoio do Goberno vasco, que contribuíu economicamente, consciente da oportunidade que supón política e deportivamente.

Comentarios