A sanción do WTC a Pablo Lijó abre o debate do monopolio deportivo no pádel

A empresa Setpoit Events, responsábel do World Padel Tour (WPT), enfróntanse á demanda da Federación Internacional de Pádel (FIP) e outra presentada pola a Asociación de Xogadores Profesionais (PPA). Mentres, castiga sen xogar os seguintes doce torneos ao xogador galego Pablo Lijó, crítico coa organización.
Pablo Lijó participando esta semana nun torneo en Sundsvall, Condado de Västernorrland, Suecia (Foto: PL).
photo_camera Pablo Lijó participando esta semana nun torneo en Sundsvall, Condado de Västernorrland, Suecia (Foto: PL).

Nunha recente entrevista ao avogado Ignacio López realizada por Nós Diario, este letrado explicaba os problemas que está a ter o deporte profesional coa aparición de operadores privados. Coincidindo no tempo, transcendeu a sanción de doce torneos que vén de impor o World Padel Tour (WPT), unha competición mundial organizada pola empresa .Setpoint Events, S.A. (filial da cervexeira Damm), ao xogador galego Pablo Lijó tras uns incidentes acontecidos nun torneo en 2022. 

O incidente e a resposta

En novembro do ano pasado, durante un encontro nunha proba do WPT, Lijó realizou acenos obscenos cara ao público que increpaba. Despois do partido, o xogador galego desculpábase nas redes sociais polo incidente.

O WPT anunciou que abriría unha investigación que rematou co anuncio, hai uns días, da sanción máis dura que se coñece: a prohibición de participar nos seguintes doce torneos que organice. Coa confirmación da pena, Lijó asegura, en declaracións a un xornal arxentino, que o castigo estaba relacionado coas súas críticas ao sistema do WPT. 

Lijó, o xogador crítico

O propio Lijó publicaba a través das súas redes sociais, un mes antes do torneo arxentino, as súas queixas sobre o funcionamento do WPT. Anunciaba que non estaría na presentación “do novo WPT”, igual que outros xogadores, ao “ternos demandado por 25 millóns de euros” por considerar “que por xogar outros torneos en datas libres do calendario debo pagarlle a miña parte correspondente dos 25 millóns, é dicir, 270.000 euros”.

Todo iso, cando “o que eu mesmo facturei o WPT nos últimos tres anos non supera os 60.000 euros”.  

O número 46 do ránking mundial na actualidade, denunciaba tamén a imposibilidade de asistir á presentación do WPT como colectivo “e segue sen recoñecer a PPA”.

O obxectivo desta maneira de actuar era, para o xogador galego, aproveitar “a desunión de todos nós para levar o pádel por onde quixo, ninguneando o xogador en varias ocasións, exercendo de amo todopoderoso ao que temos que servir como fieis escravos”. 

 Temos que servir como fieis escravos

Xogar por contrato

O galego confirma que non quere "xogar este circuíto senón que o fago porque teño un contrato asinado que estou a desexar terminalo. Cando o asinei non había outra alternativa, pero hoxe teño claro que isto non o quero".

As obrigas que impoñen os contratos do WPT tamén foron denunciadas estes días pola PPA que aseguran que “tanto o contido como a forma do calendario oficial incumpre diversas cláusulas esenciais recollidas nos contratos que, de maneira individual, asinaron os xogadores profesionais de pádel”.

Salientan as modificacións que apuntan un calendario que podería mudar as datas impedindo que os deportistas profesionais xoguen noutras competicións. 

Pablo Lijó, a nivel deportivo, está nestes momentos centrado en poder disputar a Premier Pádel e nela contará como compañeiro para esta tempada con Miguel Semmler. Sobre a posibilidade de volver á WPT cando remate a sanción aínda non tomou ningunha decisión concluínte.

Denuncias contra Setpoint Events

En febreiro de 2022, a liorta entre a Asociación de Xogadores Profesionais (PPA), a Federación Internacional de Pádel (FIP) e a empresa Setpoint Events, S.A. chegaba diante da Comisión Europea a través dunha denuncia.

A situación chegara ao límite ao querer a FIP lanzar un novo circuíto e a World Padel Tour (WPT) respondeu ameazando con multas de até 500.000 euros aos deportistas que xogaran outros torneos fóra do seu calendario.

O presidente da FIP,  Luigi Carraro, aseguraba que a acción legal, sen precedentes no ámbito europeo, procuraba “rematar co réxime de monopolio abusivo e explotador de WPT, que mantivo os xogadores de pádel baixo as súas garras durante anos, insultando os deportistas profesionais, e afogando o crecemento global e a ambición do noso deporte” no futuro.

Comentarios