A petanca inclusiva gaña adeptos: "Ao contrario do que se pensa, non é un deporte só para xubilados"

Este mes celebrouse a primeira edición do campionato estatal.
José Manuel Ramil recibindo a medalla de terceiro clasificado do I Campionato estatal de Petanca de Deporte Inclusivo. (Foto: Francisco Ortega Ros)
photo_camera José Manuel Ramil recibindo a medalla de terceiro clasificado do I Campionato estatal de Petanca de Deporte Inclusivo. (Foto: Francisco Ortega Ros)

"A petanca é un dos poucos deportes que non diferencian as persoas con discapacidade do resto. Xogamos todas xuntas. É o único sitio de momento onde non nos diferencian as licenzas". Desta maneira, José Manuel Ramil, máis coñecido como Furilla, explica que a primeira edición do Campionato estatal de Petanca de Deporte Inclusivo, ao contrario do que se poida pensar, non é un torneo exclusivo para persoas con discapacidade, senón que o conxunto dos participantes, independentemente da súa condición, compiten entre eles.

José Ramil subiu ao terceiro caixón do podio na categoría de parellas mixtas do evento deportivo. "Había moito nivel. Competimos contra campións a nivel mundial, europeo e estatal. A verdade, pensaba que ía ser todo máis relaxado", afirma, en declaracións a este xornal, o terceiro clasificado.

Dos catro partidos que xogou José, xunto a María Dolores Benadero, a súa compañeira no torneo; só perdeu a semifinal. Aínda que non se puido levar o ouro, José asevera que "a experiencia foi moi boa. Fun convidado pola Federación Galega de Petanca e íamos para pasalo ben e non contabamos con chegar a onde chegamos na competición. Non contaba con que me fose saír tan ben o día".

Unha vida enteira vinculada ao deporte

Na vida de José Manuel sempre houbo un oco para o deporte. Durante moitos anos, Ramil foi árbitro de fútbol en Preferente e asistente na Segunda División B. No ano 2000, sufriu un accidente de coche cando ía arbitrar un partido á cidade de Vigo e, pola gravidade das súas feridas, perdeu a perna esquerda.

Despois, animouse a xogar ao tenis en cadeira de rodas, mais tivo que abandonalo, de maneira puntual, debido a unha operación do túnel carpiano das dúas mans. "Como non podía manexar a cadeira de rodas, púxenme a xogar coa man que mellor tiña daquelas á petanca e resulta que me acabou enganchando. É moi parecida ao xadrez, tes que pensar o que vas facer ti e o que che pode facer o contrario", asegura o deportista.

José ten moita forza de vontade e para el, a presenza do deporte na súa vida é indispensábel. "Sempre estiven vinculado ao deporte e podemos dicir que o deporte segue a darme moitas alegrías. Hai que ser activos. De feito, agora tamén xogo ao baloncesto, ademais da petanca".

A petanca, unha actividade para todas e todos

"Non é un deporte que sexa só para xubilados, ao contrario do que pensa a xente. Coñezo a rapaces de 14 e 15 anos que xa compiten coa selección galega e que xogan a nivel estatal", sinala José Manuel. Por outro lado, nesta primeira edición do Campionato estatal de Petanca de Deporte Inclusivo  houbo moito "compañeirismo". Ramil afirma que unha das cuestións máis destacábeis do torneo foi o "bo trato" de todas as persoas doutras autonomías.

Seguindo esta mesma liña, José asegura: "Parecíamos unha familia. O deporte une. Era un bo ambiente, non había esas discusión que pode haber por exemplo no fútbol. É totalmente distinto. Levámonos todos moi ben, aínda que, claramente, a todo o mundo lle guste competir e lle guste gañar. Para iso vas". José subliña o bo papel levado a cabo pola Federación de Petanca, tanto a nivel estatal como galego, e pola organización do torneo. Ademais, Ramil asegura que o pasou "moi ben" e que repetería a experiencia".

"A petanca é unha disciplina deportiva moi minoritaria"

José Manuel Ramil explica que no territorio do noso país a petanca "non é un deporte con moita presenza". De feito, indica que este deporte é unha "disciplina deportiva moi minoritaria na Galiza, mais na zona do Levante español, Catalunya e Andalucía parece que a súa práctica está moito máis extendida. Sorprendinme cando fun para o campionato porque nesas zonas xogan moito á petanca, mentres que no noso país parece que non está tan presente".

Comentarios