As súas "fillas" homenaxean Marta Bobo, a pioneira olímpica galega

O Consello da Cultura revisitou a figura da ximnasta.
A primeira olímpica galega, Marta Bobo (á esquerda), coa medallista Sofía Toro. [Foto: Arxina]
photo_camera A primeira olímpica galega, Marta Bobo (á esquerda), coa medallista Sofía Toro. [Foto: Arxina]

"Grazas, Marta". O salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG) tornou esta quinta feira nun clamor de agradecemento e recoñecemento á figura de Marta Bobo, a primeira galega en participar nuns Xogos Olímpicos, a través dunhas xornadas enmarcadas no ciclo De pioneiras e andainas, que a institución "organiza cada ano o último xoves de cada mes e que por vez primeira tivo unha deportista como protagonista", como destacou durante a presentación do evento a presidenta do CCG, Rosario Álvarez.

Ao seu carón estaba a directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) e coordinadora do ciclo, Carme Adán, quen na súa intervención recordou o éxito como ximnasta de Marta Bobo e como tornou "nunha icona para toda unha xeración", apostilando que a súa figura encaixa á perfección no molde das "mulleres inspiradoras" que desde hai máis dunha década recoñecen en De pioneiras e andainas.  

Carme Adán tamén salientou que nos anos 80, cando emerxeu como ximnasta rítmica de elite, Bobo "rachou barreiras, non só deportivas, senón sociais, de competición e de recoñecemento", non sen reivindicar que "aínda quedan moitas por esnaquizar".

A continuación, a presidenta de Mulleres Deportistas Galegas (Mudega), Mercé Barrientos -que dedicou unhas palabras de agradecemento á homenaxeada, lembrando que foi alumna súa na  Facultade  de  Ciencias  do  Deporte e da Educación Física da  Coruña (INEF) e que todas as que pasaron por alí son un pouco "as súas fillas"-, abordou nunha palestra que titulou Logros deportivos e dereitos das mulleres: os Xogos Olímpicos a complexa traxectoria deportiva feminina, comezando pola prohibición estabelecida polo pai dos Xogos modernos, o barón Pierre de Coubertin, á participación das mulleres, a pesar de que nas edicións clásicas estaba constatada a presenza -e con vitorias- dalgunhas, caso da espartana Cynisca.

A continuación empregou o nome de persoeiras como Alice Millat -a responsábel última da inclusión feminina no programa olímpico-, a catalá Ana María Martínez Segi, Halet Çambel, Alice Coachman, Nina Pomonariova, Wilma Rudolph, Enriqueta Basilio Otero ou Flor Isava-Fonseca para realizar a transición a Marta Bobo, trazando unha comparación coa romanesa Nadia Comăneci, "quen, como Marta, demostrou que a perfección tamén existe".

Marta Bobo, co libro 'Historia inacabada do deporte galego', de Héctor Pena. (Foto: Arxina)
Marta Bobo, co libro 'Historia inacabada do deporte galego', de Héctor Pena. (Foto: Arxina)

Posteriormente, a técnica do CDIF, Mariám Mariño Costales, presentou a cartografía que realizou sobre a traxectoria integral de Marta Bobo, que xa está dispoñíbel para o público en xeral no portal web do Consello da Cultura Galega, collendo a remuda unha mesa redonda  moderada pola xornalista Claudia López e na que participaron Raquel Béjar -ex futbolista do Deportivo-, Candela Martínez -filla de Marta Bobo e ximnasta campioa-, Laura Santos -xogadora de bádminton do máximo nivel- e a campioa olímpica Sofía Toro, que disertaron sobre a visión actual das mozas no mundo do deporte.

E, xa na sesión de tarde, Marta Bobo tomou a palabra para viaxar pola súa vida e obra da man da xornalista Silvia Carregal, poñendo fin ás xornadas outra mesa de debate, nesta ocasión conducida por quen subscribe estas liñas e na que persoas moi próximas a Bobo, como a adestradora Aurora Martínez, a ximnasta Sonia Conde e o profesor Alberto Oro afondaron no eido máis persoal da heroína olímpica.

Comentarios