O ciclo 'De pioneiras e andainas' recoñece Marta Bobo, primeira galega nos Xogos Olímpicos

O Consello da Cultura Galega homenaxeará a ximnasta de Ourense o 26 de outubro.
Desde os anos 90 Marta Bobo exerce como docente na Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física da Coruña (INEF). (Foto: Consello da Cultura Galega).
photo_camera Desde os anos 90 Marta Bobo exerce como docente na Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física da Coruña (INEF). (Foto: Consello da Cultura Galega).

Os primeiros Xogos da era moderna disputáronse en 1896, mais non foi até 1920 cando tres futbolistas, Moncho Gil, Luís Otero e Ramón González, escribiron as primeiras liñas da historia do olimpismo galaico en Amberes (Bélxica), de onde volveron cunha medalla de prata colgada dos pescozos.

Desde entón tiveron que decorrer unha Guerra Mundial, 64 anos e 14 edicións, nas que tomaron parte até 35 atletas masculinos, para que unha muller galega rachase un teito que máis que de cristal parecía feito de adamantium.

O seu nome? Marta Bobo Arce, que co atrevemento propio da xuventude dos seus 18 anos e armada coa súa natural flexibilidade e os distintos aparatos que se empregan na ximnasia rítmica voou até Os Anxos para ser parte dos Xogos de 1984.

Novena clasificada logo dunha estrataxema por parte da organización estadounidense, que activou o aire acondicionado a máxima potencia durante o seu exercicio de cinta para evitar que puidese completar o seu acto con éxito e favorecer así as súas propias ximnastas, case 40 anos despois o Consello da Cultura Galega (CCG) recoñece a contribución da ourensá facéndoa protagonista dunha nova edición das súas xornadas De pioneiras e andainas, que en ocasións anteriores estiveron dedicadas a Xohana Torres, Mabel Rivera, Pascuala Campos ou María Xosé Agra Romero.

'Mulleres e deporte: a paixón por defender o noso'

A palestra que o CCG dedica a Marta Bobo leva por título Mulleres e deporte: a paixón por defender o noso, e levarase a cabo ao longo do día de mañá, 26 de outubro, no segundo andar do Pazo de Raxoi da capital galega, Santiago de Compostela.

A homenaxeada confesa a Nós Diario a súa felicidade por este recoñecemento, destacando o "moito que ver" que no seu éxito tiveron os medios de comunicación nunha época, comezos dos anos 80, na que "a televisión comezou a retransmitir campionatos de ximnasia rítmica".

Mañá, case catro décadas despois, o Consello da Cultura revisita a figura da pioneira olímpica galega, que logo da súa retirada desenvolveu unha carreira multidisciplinar como docente  na Facultade de Ciencias do Deporte e da Educación Física da Coruña (INEF), investigadora académica, adestradora, coreógrafa, xuíza ou membro da Comisión de Educación da Academia da Federación Internacional de Ximnasia.

O obxectivo global das xornadas, coordinadas por Carme Adán, é "revisar décadas de loita das mulleres polo recoñecemento no mundo do deporte", mais ollando tamén "aos retos de futuro", todo da man " de deportistas novas que, grazas aos moitos camiños abertos, seguen eliminando obstáculos e denunciando o acoso e a persecución que viven no mundo deportivo", pero tamén de "persoas que compartiron os tempos de adestramento e logros deportivos con Marta Bobo".

Porque, en ultima instancia, lembra o CCG, "como noutros espazos, as mulleres non comezan de cero", pois hai "moitas que as precederon e que deben ser recoñecidas polo seu legado individual e colectivo, e Marta Bobo é unha desas pioneiras".

Comentarios