Deportivo, Arenteiro e Lugo entran en xogo na Copa do Rei

A segunda rolda da Copa do Rei chega a territorio galego por partida tripla. O Estadio de Riazor acollerá esta cuarta feira ás 12 horas o primeiro partido da xornada (Dépor-Tenerife), ao que sucederá o Arenteiro-Burgos ás 16 no Campo de Espiñedo, rematando a xornada futbolística ás 19 horas no Ángel Carro cun duelo entre o Lugo e o Mirandés. 
O último choque entre Dépor e Tenerife tivo lugar na Segunda División en xuño de 2020. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera O último choque entre Dépor e Tenerife tivo lugar na Segunda División en xuño de 2020. (Foto: RC Deportivo).

Ilusión da afección e dor de cabeza dos adestradores a partes iguais, a Copa do Rei regresa esta cuarta feira para tres dos representantes da Galiza que continúan vivos na competición do KO.

O primeiro en saltar ao céspede para participar na segunda rolda copeira será un Deportivo da Coruña que xa sabe o que é levantar o título até en dúas ocasións (1995, 2002), pero que de forma paralela ao afundimento progresivo do club leva desde 2017 sendo incapaz de superar máis dunha soa eliminatoria, e nesta edición xa o logrou, eliminando non sen dificultades o modestísimo Covadonga asturiano o pasado mes de novembro.

O rival non parece o mellor para conseguir rematar coa súa mala xeira de resultados na Copa do Rei, pois a pesar de xogar ante o seu público no Estadio de Riazor (12 horas) enfronte terá o Club Deportivo Tenerife de Segunda División, un bloque que está situado a só tres puntos da zona do play-off de ascenso á Primeira.

Ademais, os precedentes históricos tampouco son favorábeis para un conxunto branquiazul que só foi quen de derrotar o chicharrero nun dos seus sete enfrontamentos copeiros, que tivo lugar no afastado novembro de 1981 (2-1, con dobrete de José Manuel Traba para o Dépor).

Non obstante, o preparador herculino, Imanol Idiakez, non renuncia á vitoria, e impulsado pola inercia positivo do triunfo da fin de semana contra o filial do Barcelona, o primeiro fóra da casa nun mes, confirmou que o seu obxectivo é "dar unha alegría" aos seareiras e seareiras e que baixo paus é segura a titularidade do veterano Ian Mackay, mais tamén a presenza doutros dos futbolistas menos habituais.

O Arenteiro ten unha cita coa historia

Xa pola tarde, a segunda escuadra do país en competir (16 horas), o Arenteiro, ten unha cita coa historia en Espiñedo, onte terá a oportunidade de alcanzar a barreira dos dezaseisavos de final por vez primeira.

Non será doado, pois diante estará un equipo de categoría superior como é o Burgos de Segunda División. Porén, a formación castelá baixa enormemente as súas prestacións lonxe do Plantío -dos seus 25 puntos só logrou catro a domicilio-, o que unido á solidez que están demostrando nas últimas semanas os do Carballiño e á extraordinaria motivación que exhiben en cada partido copeiro, aumenta significativamente as súas posibilidades de dar o campanazo.

O Lugo buscará unha sorpresa ante o Mirandés

No segundo e último duelo galego-burgalés da xornada, o Lugo-Mirandés, a entidade albivermella protagoniza no Ángel Carro ás 19 horas un choque no que o conxunto local tampouco é favorito -os visitantes militan na Segunda División-, pero onde o bo momento lucense permite soñar cun resultado positivo para os intereses dos da Cidade da Muralla. 

Comentarios