Louzán ocupará a Presidencia da Segunda Federación da RFEF

O nomeamento forma parte dunha "ampla reestruturación da institución do fútbol español.
Rafael Louzán, sentado na bancada dos acusados. (Foto: Europa Press)
photo_camera Rafael Louzán, sentado na bancada dos acusados. (Foto: Europa Press)

O presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, ocupará a Presidencia da Segunda Federación da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) a partir da vindeira tempada.

Así o anunciou a institución esta segunda feira nun comunicado, despois de que o presidente da RFEF, Luis Rubiales, comunicase o seu nomeamento, que forma parte dunha "ampla reestruturación" dentro do principal organismo do fútbol no Estado español.

"O presidente da Federación comunicou esta mañá o nomeamento de novos presidentes presidentes e directores en diferentes áreas", explica o escrito.

Segundo detalla a RFEF no seu comunicado, trátase dunha "ampla reestruturación para ofrecer un novo impulso ás diferentes áreas federativas e continuar co camiño de desenvolvemento e crecemento".

Outros nomeamentos

Ademais do nomeamento de Rafael Louzán como presidente da Segunda Federación, Pablo Burillo asumirá a presidencia da Terceira Federación, con Pedro González Segura como director das dúas competicións.

En canto á Primeira Federación, seguirá baixo a Presidencia de Joan Soteras, que contará con Javier Vich como director da categoría. 

"A Primeira Federación enfoca a súa segunda tempada de vida co reto de seguir crecendo e de consolidar unha categoría con elevados indicadores de seguimento e espectacularidade", afirma o comunicado.

"Un formato atractivo que se verá reforzado cunha nova aposta da RFEF para continuar a súa expansión", engade o escrito, no que a institución informou tamén de que a categoría terá un equipo exclusivo de marketing e comunicación para "dar servizo aos clubs e harmonizar a identidade visual".

Comentarios