BNG pide no Parlamento a reprobación de Louzán como presidente da Federación Galega de Fútbol

Rafael Louzán foi condenado a 2 anos de prisión e 8 de inhabilitación para o exercicio de cargo público polos delitos de prevaricación e fraude.

Rafael Louzán
photo_camera Rafael Louzán foi declarado culpábel por un tribunal de delitos como fraude e prevaricación. (Foto: Futgal).

O BNG presentou esta quinta feira no Parlamento galego unha proposición non de lei para reprobar a actuación do presidente da Federación Galega de Fútbol Rafael Louzán, condenado a 2 anos de prisión e 8 de inhabilitación para o exercicio de cargo público polos delitos de prevaricación e fraude cometidos cando era presidente da Deputación de Pontevedra pola adxudicación fraudulenta das obras de construción do campo de fútbol de Moraña.

Esta reprobación, di o deputado nacionalista Luis Bará, "susténtase, mais alá da gravidade dos feitos e da severidade da condena xudicial, pola exemplaridade e o código ético que deben rexer a actuación dos representantes públicos". 

Na mesma iniciativa ínstase á Xunta a incoar expediente disciplinario ao presidente da Federación Galega de Fútbol e adoptar as medidas preventivas acordes “coa gravidade dos feitos que deron lugar á sentenza xudicial”.

Polos mesmos feitos que Louzán tamén foi condenada a ex-xefa territorial da Xunta en Pontevedra Luísa Piñeiro, naqueles momentos alcaldesa de Moraña. 

“Mentres que Luísa Piñeiro dimitiu do seu cargo debido á gravidade dos feitos e da condena, Rafael Louzán, coa complicidade e connivencia da presidencia da Xunta, segue exercendo como presidente da Federación Galega de Fútbol o que implica xestionar centos de miles de euros de fondos públicos e tomar decisións en relación con feitos como os que acarrearon a súa condena”. 

Desde que se fixo pública a sentenza o pasado 5 de febreiro pasou máis de un mes sen que a presidencia da Xunta, da que dependen as competencias en materia deportiva, actuase, critican os nacionalistas.

O BNG insta a velar “pola integridade e exemplaridade que debe presidir o funcionamento dunha institución tan relevante como a Federación Galega de Fútbol. A lei do deporte proporciona instrumentos nos seu artigo 57 para intervir nun caso coma este e, ademais, o Comité Galego de Disciplina Deportiva, regulado nos artigos 91, 92, 93 e 94 da citada lei, ten entre as súas funcións intervir incoando un expediente disciplinario e adoptando medidas preventivas.” 

Comentarios