Unidas Podemos esixe o "cese inmediato" de Rafael Louzán

Gómez Reino di que "é inaceptábel que continúe sendo presidente".
Louzán após o xuízo decorrido en novembro. (Foto: B. Ciscar / Europa Press)
photo_camera Louzán após o xuízo decorrido en novembro. (Foto: B. Ciscar / Europa Press)

Chegan as reaccións logo de que a Audiencia Provincial de Pontevedra confirmase a condena a Rafael Louzán, ex presidente da Deputación de Pontevedra e actual dirixente máximo Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) a sete anos de inhabilitación por prevaricación.

O devandito ente, no artigo 31 dos seus estatutos, sinala que os membros dos seus órganos non poden "estar inhabilitados para desempeñar cargos públicos", a pesar do cal Louzán, nun comunicado, afirmou que continuará desenvolvendo o seu cometido "con absoluta normalidade", tal e como veu facendo "ao longo dos últimos 15 meses".

Desde a formación política Unidas Podemos o deputado coruñés Antón Gómez Reino manifestou que Louzán debe "ser apartado da Federación inmediatamente".

"Se Louzán está inhabilitado para exercer cargos públicos, non pode formar parte dos órganos de goberno", di Gómez Reino

"É inaceptábel que continúe sendo presidente, e así llo dixemos desde a súa imputación. A Audiencia vén a ratificar e a poñer sobre a mesa unha vez máis a corrupción do Partido Popular de Feixoo", alega Gómez Reino.

"Se Louzán está inhabilitado para exercer cargos públicos non pode formar parte dos órganos de goberno, así o recollen os Estatutos da propia Federación Galega", defenden desde Unidas Podemos.

Ao mesmo tempo, critican que todo isto suceda baixo o "silencio cómplice" do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, que aínda non deu explicacións.

Comentarios