O PSdeG exixe á Xunta que impulse a marcha de Louzán da Federación

O mandatario aférrase ao cargo a pesar da súa condena
Rafael Louzán vén de ser declarado culpábel por un tribunal de delitos como fraude e prevaricación. (Foto: Futgal).
photo_camera Rafael Louzán vén de ser declarado culpábel por un tribunal de delitos como fraude e prevaricación. (Foto: Futgal).

O PSdeG de Pontevedra exixiu ao secretario xeral para o Deporte da Xunta da Galiza, José Ramón Lete Lasa, "impulsar" a dimisión do presidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Rafael Louzán, dada a súa condena a dous anos de cárcere e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude durante a súa etapa á fronte da Deputación de Pontevedra.

A agrupación provincial do PSdeG afirmou que a continuidade de Rafael Louzán como presidente desta entidade asociativa privada -aínda que "de utilidade pública", tal e como se define nos seus estatutos- tras a condena do Xulgado do Penal 3 de Pontevedra resulta "inexplicábel". Por iso, asegurou que o "silencio" de Lete Lasa respecto diso supón un "auténtico escándalo que confirma os vínculos entre o PP e o aínda máximo responsábel do fútbol galego".

Neste sentido, recalcou que a Secretaría Xeral para o Deporte depende da Xunta, polo que esta administración "non pode seguir de perfil" tras unha sentenza "que afecta directamente a Louzán". Por iso, advertiu de que "ampararse" en que a resolución xudicial non é firme "entra na máis elemental contradición co feito de que a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, tamén condenada na mesma causa, presentase a súa dimisión inmediatamente, así como a súa solicitude de baixa no PP". "Louzán non pode ser máis nin menos", engadiu o PSdeG.

Ademais, lembrou que a Federación se rexe pola Lei do Deporte da Galiza e polo decreto da Secretaría Xeral para o Deporte que estabelece as normas de Bo Goberno das Federacións deportivas da Galiza, polo que concluíu que se atopa "tutelada pola Xunta". Tamén remarcou que case 1,5 millóns de euros dos máis de cinco millóns do seu orzamento anual proceden da Real Federación Española de Fútbol, e que recibe uns 400.000 euros mediante subvencións e contratos públicos.

Ente privado que recibe subvencións públicas

Nesta liña, o PSdeG remarcou que a entidade percibiu o pasado ano unha subvención de 255.133 euros da Secretaría Xeral para o Deporte, e que en 2019 se lle outorgaron case 52.000 euros para a adquisición de equipamento e patrocinios, aos que se sumaron máis de 60.000 euros da Corporación de Radio e Televisión da Galiza (Crtvg) para a cesión de dereitos audiovisuais.

A agrupación provincial socialista explicou que os estatutos da Federación se rexen pola Lei Galega do Deporte, e que deben ser aprobados pola Xunta antes da súa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG), así como que a determinación que afecte ás competicións ou ao réxime económico debe recibir a autorización da Secretaría Xeral para o Deporte.

Adicionalmente, insistiu en que o presidente da Federación Galega de Fútbol representa o país nas actividades e competicións deportivas, un feito co que se preguntou se Lete Lasa e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, están "cómodos".

Así as cousas, o PSdeG de Pontevedra considerou "inexplicábel" que Louzán "siga manexando diñeiro público desde o seu cargo" coa "compracencia" de Lete Lasa e, "por extensión", de Feixoo. "É algo imposíbel de explicar, e máis cando se mancha deste modo o nome dunha institución centenaria. A Federación debe ser unha institución exemplar, pois é tamén unha referencia para todas as mozas e mozos das categorías base", defendeu.

Comentarios