Aumenta a presión sobre Rubiales: a Fiscalía investiga a súa xestión federativa

Esta semana transcendeu que o presidente da RFEF recoñeceu en 2020 ter "adulterado" o Dépor-Fuenlabrada.
O Ministerio Público debe indagar sobre as accións de Rubiales. (Foto: Europa Press)
photo_camera O Ministerio Público debe indagar sobre as accións de Rubiales. (Foto: Europa Press)

A Fiscalía Anticorrupción abriu dilixencias de investigación polas presuntas irregularidades na xestión de Luís Rubiales á fronte da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), as cales incluirían o contrato para que a Supercopa de España se dispute en Arabia Saudita, segundo confirmaron fontes xurídicas.

A apertura destas pescudas implica que o Ministerio Público comezará a indagar para decidir posteriormente se arquiva o asunto ou o xudicializa para que a investigación continúe nos tribunais.

O caso partiu da denuncia presentada o pasado 19 de abril polo presidente do Centro Nacional de Formación de Adestradores de Fútbol (Cenafe), Miguel Ángel Galán, por mor das escoitas a Rubales que vén publicando diariamente o dixital El Confidencial.

Galán apuntaba na mesma á comisión de delitos de suborno, corrupción nos negocios e entre particulares, administración desleal e prevaricación administrativa polo devandito contrato. Posteriormente, o máximo dirixente de Cenafe ampliou a denuncia por entender que Rubiales tamén incorrería nunha conduta delituosa ao gozar dunha vivenda en Madrid cun alugueiro pagado pola RFEF, a pesar de que estaría censado na capital, o cal vulneraría a normativa interna.

O Dépor-Fuenlabrada, "adulterado"

Segundo o mesmo medio, Rubiales tamén recoñeceu no verán de 2020 ter "adulterado" a competición tras pospor o encontro entre o Deportivo da Coruña e o Fuenlabrada en Riazor e impedir, deste modo, que decorrese ao mesmo tempo que o resto da última xornada de Segunda División.

Rubiales deféndese

Nun comunicado publicado non nas súas contas persoais das redes sociais, senón no portal oficial da Federación Española de Fútbol, Rubiales deféndese empregando a entidade que preside sinalando que "a RFEF quere deixar claro que o presidente nunca levou a cabo gravacións ao presidente do Goberno, a ministro ningún nin tampouco a membro algún de Unidas Podemos".

Ademais, a Federación carga contra o medio que está publicando os audios de Luís Rubiales, sinalando que "desde o inicio das informacións ofreceu unha política de noticias baseadas na ambigüidade, terxiversación e descontextualización para xerar un relato falso, utilizando principalmente audios privados que foron subtraídos de forma ilegal e sen ser quen de acreditar ningunha das súas múltiples acusacións".

"Trátase dunha campaña de desprestixio co fin de destruír a reputación de Luís  Rubiales, vítima destas manobras", conclúe o comunicado do RFEF.

Comentarios