ENTREVISTA

Lorenzo Envó: "Sófrese máis no campo que nos despachos"

O nome do guineano Lorenzo Envó (Bioko Norte, Guinea Ecuatorial, 1978) está escrito con letras de ouro na historia do Amfiv de Vigo, onde practicou o baloncesto en cadeira durante case dúas décadas. Agora, e en calidade de presidente de Inclubasket Coruña, trata de achegar o deporte adaptado a todo o país.
O veterano competidor aínda está en activo no Joventut. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O veterano competidor aínda está en activo no Joventut. (Foto: Nós Diario).

—Recentemente foi vostede un dos promotores, xunto coa Federación Galega de Balonmán, do primeiro Torneo Elite Nacional de Balonmán en Cadeira de Rodas, que se levou a cabo na localidade de Curtis, da que vostede é veciño. Como cualificaría o desenvolvemento do evento?
Foi moi, moi ben. Era o primeiro torneo que organizabamos como club, xa que nacemos hai pouco e aínda somos pequeniños, así que estabamos un tanto nerviosos, pero todo o mundo saíu contento: público, equipos... teño moitas ganas de que chegue xa o próximo ano para montar un aínda mellor.

—Este é o primeiro gran evento argallado pola organización que preside, Inclubasket Coruña, fundada o pasado ano 2023. Cales son as finalidades que pretende conseguir con ela?
Inclubasket Coruña nace para cubrir as necesidades deportivas das persoas con discapacidade, sobre todo na zona herculina, onde non hai equipos de deporte colectivo como baloncesto ou balonmán. Ademais, buscamos dar visibilidade ás persoas con discapacidade a través do deporte, favorecendo a súa integración por unha vía diferente ás convencionais. 

—Por que optou para este certame inaugural polo balonmán e non polo baloncesto, que ten máis practicantes e do que vostede mesmo é unha lenda?
Nesta primeira ocasión optamos polo balonmán porque, a pesar de que o baloncesto é o máis practicado, este é igual de dinámico e pode conseguir a mesma atracción que o básquet; e tamén axudou o feito de converternos no primeiro equipo de balonmán en cadeira de rodas de toda a Galiza.

Tamén tivemos en conta que non todo o mundo pode xogar ao baloncesto, pois require certas cualidades. Non todas as persoas con discapacidade teñen a forza suficiente para levar o balón a canastra ou as capaciades físicas que demanda a competición a alto nivel. Porén, o balonmán si que o permite, así que tratamos de facelo o máis accesíbel posíbel, até o punto de que a nosa liga é totalmente inclusiva, é dicir, que poden xogar xente de distintos sexos, con ou sen discapacidade algunha. Iso foi algo que me atraeu moitísimo, porque quero desenvolver proxectos onde non se discrimine a ninguén. 

—Despois de 17 anos como xogador no Amfiv de Vigo [de 2002 a 2020], e aínda en activo no Joventut, como está sendo esa progresiva transición da pista aos despachos? 
Uf, é un pouco estresante (ri). Non se sofre tanto no campo como nos despachos. Como xogador ves todo máis sinxelo, pero agora vexo que detrás da viaxe, de cada pequena xestión... hai moito traballo, moito esforzo, moito pelexar, moitas portas ás que tocar para buscar financiamento para o equipo... 

Estresa moito, máis do que eu pensaba. Moitas veces vou de acá para alá dicindo "meu Deus, pero onde me metín?", pero hai que ter paciencia, porque arrancar proxectos deste tipo e difícil e sabía que ía custar un pouco, así que haberá que pelexar para facernos un oco e que se nos recoñeza para poder chegar ao maior número posíbel de persoas con discapacidade e realizar un labor que eu creo que é necesario. Porque moitas veces as persoas esquecémonos do que é a vida, pensamos que este tipo de deportes simplemente son para persoas con discapacidade, que tiveron algún tipo de doenza, coma min, que tiven a polio, pero hai que lembrar que todos os días hai accidentes de tráfico ou laborais que xeran lesións, e a esa xente hai que ofrecerlle unha alternativa lúdica na que poidan desenvolverse como cidadáns que tamén son.

O necesario apoio da empresa privada

Lorenzo Envó, a pesar de non ocultar o seu agradecemento pola axuda que recibiu por parte das Federacións de Balonmán española e galega, traballa por ensanchar a base de apoios que recibe o deporte adaptado, así como por ampliar a súa "visibilidade". Ademais, aproveitou a súa entrevista con Nós Diario para solicitar ás empresas privadas "que se impliquen un pouquiño máis".

Outra das súas metas para este 2024 é que o club medre: "Queda moito traballo por facer na área da Coruña, por iso a miña idea é ofrecer moitas palestras en centros educativos e en calquera lugar onde nos queiran acoller para intentar conseguir chegar a máis xente e que novas persoas se animen a practicar deporte para que nos axuden completar e potenciar o conxunto de balonmán e a arrancar o equipo de baloncesto, a ver se somos quen de conseguilo, esa é a miña ilusión".

Comentarios