A Liga escolle Javier Tebas como presidente para un cuarto mandato

Unha vez máis, o dirixente non tivo oposición.
Javier Tebas Medrano dirixe a Liga desde 2013. (Foto: Europa Press).
photo_camera Javier Tebas Medrano dirixe a Liga desde 2013. (Foto: Europa Press).

A Comisión Electoral da Liga de Fútbol Profesional (LFP) proclamou esta terza  feira de maneira provisional a Javier Tebas como presidente até o ano 2027, unha vez confirmado que o oscense non terá oposición de cara a aspirar a un cuarto mandato á fronte da patronal do deporte rei.

"Examinada a candidatura presentada por Javier Tebas Medrano, e constatado que a mesma foi presentada en tempo e forma e que cumpre cos preceptos estatuarios e regulamentarios aplicábeis para o efecto, e non habendo máis candidaturas, proclamamos provisionalmente a Javier Tebas Medrano como presidente da Liga", sinalou a Comisión Electoral nun comunicado.

Ademais, esta informou de que o próximo día 14 de decembro terá lugar a próxima reunión da Comisión Electoral, co obxectivo de "resolver eventuais recursos ou, no seu caso, elevar a definitiva a proclamación do presidente". 

"Con todo, no caso de que non se interpuxesen recursos contra os acordos da Comisión Electoral, esta poderá, e por unanimidade, adiantar a súa reunión ao día 12 de decembro, tras a finalización ás 20 horas do prazo para presentar recurso", engadiu.

Deste modo, o recoñecido ultradereitista, de 61 anos, iniciará o seu cuarto mandato como presidente de Liga de Fútbol Profesional, un cargo ao que accedeu en 2013 após ser o único candidato, situación que se repetiría nas eleccións de 2016, 2019 e agora nas de 2023.

Comentarios