Iván Raña: "Necesito estímulos novos, e o do rally é un mundo que me encanta"

Di adeus Iván Raña (Ordes, 1979), o pioneiro, o home que o seu adestrador definiu como "o Indurain do tríatlon". Non obstante, a súa retirada do profesionalismo non dará paso a unha vida sedentaria, pois este namorado do deporte seguirá subindo periodicamente á súa bicicleta e xa apunta a un salto ao mundo do rally. 
O de Ordes continúa mantendo un gran estado de forma a pesar dos seus 42 anos de idade. (Foto: Fegatri).
photo_camera O de Ordes continúa mantendo un gran estado de forma a pesar dos seus 42 anos de idade. (Foto: Fegatri).

—Estamos en 2021, pasaron 25 anos da súa participación no Mundial Júnior de Cleveland, en 1996. Pasóuselle nalgún momento pola cabeza que seguiría en activo un cuarto de século despois?

O certo é que nunca tiven unha data fixa para retirarme da profesionalidade. De feito, hai non moito tempo houbo unha época na que pensaba que aínda aguantaría algo máis, pero este é o momento. Necesito estímulos novos, aínda que a competición segue motivándome e hoxe mesmo fixen cinco horas de bicicleta e tamén nadei e corrín, case como cando era profesional, pero fágoo tan só por sentirme ben, porque a mirada téñoa xa noutras cousas.

—Polo tanto, Iván Raña non será un deses deportistas que substitúen dun día para outro, case que de golpe, o deporte de alto nivel polo ‘sillón-ball’...

Non, non (ri). De feito, agora mesmo estaba planificando o calendario para poder correr algunha carreira de mountain bike por etapas no ano próximo. Seguirei en activo, para estar en boa forma, pero deixando atrás a mentalidade en que pensas en exclusiva na competición e nos resultados. Hai que deixar iso atrás, pero non o meu estilo de vida que implica moverme cada día.

—Un ve a evolución dos profesionais doutros deportes tan diferentes como o fútbol e observa que os xogadores, co paso dos anos, van retrasando a súa posición cara outras menos esixentes fisicamente. Porén, no tríatlon prodúcese o fenómeno contrario, pois, como foi o seu caso, adoita pasarse da distancia olímpica ao ‘ironman’, moito máis longo e duro. A que se debe este fenómeno? 

No tríatlon ti vas adaptándote ao fondo, sendo máis económico, regulando mellor os esforzos, sabendo o ritmo exacto que tes que levar, non como cando es novo, que podes saír sen tanto control e rebentas. Eu, de feito. agora retírome, pero teño adestramentos recentes nos que pensei que facía cousas das que non era capaz con 20 anos nin de broma (ri). Cos anos un mellora a técnica, as percepcións, o control sobre as lesións, a consciencia sobre o propio corpo... e iso tradúcese nos resultados. De feito, Joan Llaneras, que foi campión olímpico con 39 anos, comentoume que coa idade pode haber un pequeno baixón físico, pero que depende todo dos adestramentos. O problema tamén está nas gañas e na motivación. Eu por exemplo se me din de correr mañá un rally, da emoción xa non durmo pola noite, pero un tríatlon xa é algo que teño moito máis visto. E ollo, con iso non digo que non me motive, pero quero probar cousas novas, sen pensar en algo que me condiciona en exclusiva durante moitos meses.

—Pon agora o exemplo de correr un rally como algo que lle gustaría facer, unha paixón que nunca ocultou e que a bo seguro lle veremos facendo máis cedo ou máis tarde...

Por suposto. Encántame que as sensacións que transmite o rally, independentemente de se conduces un 106, un Mitsubishi ou R5, vas conectado co coche, concentrado e enganchado ao 100%.

—O rally é unha disciplina que pouco ten que ver co deporte no que fixo vostede carreira. Máis relación ten o ciclismo de estrada, no que protagonizou unha sorprendente incursión no 2009, cando asinou polo desaparecido equipo Xacobeo Galicia. Que lembranzas, en perspectiva, garda daquela breve aventura?

Para min foi unha época moi chula na que aprendín moitas cousas, e quizais o que máis o traballo en equipo, a pesar de que xa correra desde pequeniño no Leyma, o Estradense, o Cambre, o Froiz, o Cortizo... nunha chea de equipos, incluído no meu propio, o Team Raña. Sempre gustei moitísimo do ciclismo a pesar de ser triatleta. Lembro un día que ía sufrindo moito nunha etapa e de súpeto achegouse o líder, que era Ezequiel Mosquera, e pediume axuda para avanzar no pelotón, e entroume unha enerxía que pensei “oes, de onde sae todo isto”... é algo que no tríatlon non vives apenas porque é máis individualista. Lémbrome tamén de (Gustavo César) Veloso, quen nalgún momento de apuro tamén me pegou algún empurrón, e agradézollo moito.

—Nese momento, que lle levou a tomar a decisión de dar o salto ao ciclismo profesional, e máis concretamente nun conxunto no que non era nin moito menos o líder, logo de ser o mellor do mundo na súa disciplina?

Tiña moi claro onde me metía e que o da bicicleta era cuestión de tempo. Tamén que levaba como tres anos sen correr unha carreira nin sequera en afeccionados, e aínda así de como comecei a como acabei ese ano tiven unha melloría moi grande, pero o que eu quería vivir era a experiencia de ser ciclista, levantarme cada día e rodar 150 quilómetros, preparar as carreiras... Ese era o meu estilo de vida ideal nese momento, e conseguino. E ademais abriume as portas Marta Souto (directora xeral para o Deporte nos tempos do Goberno PSOE-BNG en San Caetano) desde a Xunta nese momento, e con independencia dos momentos de tensión cos directores, todo encaixou, e xa che digo que foi algo que si que repetiría sen pensalo, porque foi unha experiencia que me encantou.

Comentarios