A guía do Mundial de Qatar: Grupo 'E'

A sombra dun recenta pasado glorioso atenaza as seleccións de Alemaña e o Estado español.
Luís Enrique (esquerda) e Hansi Flick contan cunha xeración de xogadores de menor nivel que a que gozaron os seus predecesores.
photo_camera Luís Enrique (esquerda) e Hansi Flick contan cunha xeración de xogadores de menor nivel que a que gozaron os seus predecesores.

"O fútbol é un deporte que inventaron os ingleses, xogan 11 contra 11, e sempre gaña Alemaña". A frase, acuñada polo astro británico Gary Lineker, mantén a súa vixencia aínda que a Manschafft de 2022 está lonxe de ser aquela que levantou a Copa do Mundo en 2014.

Tanto é así que daquela xesta só emerxen catro homes -Manuel Neuer, Thomas Müller, Matthias Ginter e un resucitado Mario Götze, autor do tanto do triunfo da final de Río de Janeiro e quen non vestía as cores da selección alemá desde 2017- nun combinado que agora lidera unha nova garda que coincide coa columna vertebral do Bayern de Múnic e que encabezan Joshua Kimmich e Leroy Sané.

Os bloques de Luis Enrique e Flick non resisten a comparación cos seus inmediatos predecesores 

O outro gran dominador da segunda metade do período 2005-2015 foi o combinado do Estado español, que aínda conserva menos vestixios daquel pasado glorioso, pois só aguanta un Sergio Busquets moi minguado con respecto a Sudáfrica 2010.

O proxecto actual lembra máis o de Javier Clemente que aquel de Luis Aragonés, pois Luis Enrique configurou un equipo máis que unha selección, no que el conta cunha serie de nomes da súa total confianza con independencia do seu estado de forma, o que levou a que en Qatar non estean nomes que, por méritos, deberían viaxar ao Emirato.

A pesar das súas carencias, o favoritismo europeo no grupo é claro. 

Non obstante, estas Alemaña e España en transición e que permanecen nun segundo chanzo de favoritismo para facerse co título con respecto a Francia, Inglaterra, ou o Brasil non deberían sufrir para alcanzar os oitavos de final, pois nin a mestura de xuventude e veteranía que ofrece a Costa Rica de Keylor Navas nin un Xapón que continúa co seu lento pero continuo crecemento teñen peso abondo para impedir que copen os dous primeiros postos.

Comentarios