A guía do Mundial de Qatar: Grupo 'A'

Senegal é a única ameaza real para os Países Baixos. Que Ecuador ou o país anfitrión ocupen unha das dúas primeiras prazas sería toda unha sorpresa. 
Aos seus 71 anos, e tras superar un cancro, o histórico Louis Van Gaal quere rematar co gafe do combinado holandés no Mundial antes de retirarse do fútbol definitivamente. (Foto: EP).
photo_camera Aos seus 71 anos, e tras superar un cancro, o histórico Louis Van Gaal quere rematar co gafe do combinado holandés no Mundial antes de retirarse do fútbol definitivamente. (Foto: EP).

O Grupo 'A' é un dos máis desequilibrados de toda a Copa do Mundo. Os Países Baixos son claros favoritos a facerse coa primeira posición, mentres que Senegal está rendendo a un plano moi superior ao do Ecuador, única ameaza real para un segundo posto que tamén dará acceso aos oitavos de final e que parece quimérico que alcance a selección anfitrioa, Qatar.

A selección orange chega ao Emirato co experimentadísimo Louis Van Gaal no banco, quen aos seus 71 anos vén de superar un cancro de próstata.

O ex preparador de Ajax, Barcelona ou Bayern de Múnic xa anunciou que no Mundial dirixirá os seus últimos partidos como profesional, polo que tanto el como outros veteranos, caso da súa principal estrela, Virgil van Dijk, saben que están até a súa derradeira oportunidade de facer historia xuntos.

O estigma de torneo da vergoña vivirá sempre na lembranza colectiva dun Mundial do que un dos seus embaixadores, Khalid Salman, dixo a poucos días do seu comezo que a homosexualidade é un "trastorno mental"

Enfronte terán como principal ameaza para dominar o grupo unha Senegal que se presenta co aval de ser a vixente campioa de África. Os Leóns de Teranga, seguindo a tradición do continente, destaca pola súas individualidades, en especial as do seu líder e ídolo nacional, Sadio Mané.

Calquera cousa que non sexa que europeos e africanos dominen o grupo con puño de ferro sería toda unha sorpresa, malia que Ecuador, igual que fixo en 2006, pretende descabalgar algún dos favoritos grazas a unha mestura de xuventude e experiencia que lles serviu para deixar fóra na fase de clasificación moi bos conxuntos como Colombia ou o Perú.

Por último, Qatar, a pesar de contar co apoio do seu público, non ten ningunha posibilidade de avanzar nun torneo que nunca perderá a sombra da vergoña, avivada onte polas declaracións de Khalid Salman, embaixador do Mundial, que cualificou a homosexualidade de "trastorno mental".

Comentarios