Fútbol

A guía do Mundial de Qatar: Grupo 'C'

Última oportunidade de Messi para superar Maradona.
O astro arxentino, de 35 anos, sabe que da cita qatarí depende ser considerado como "o mellor" (Foto: EP).
photo_camera O astro arxentino, de 35 anos, sabe que da cita qatarí depende ser considerado como "o mellor". (Foto: EP)

O Grupo 'C' é un dos máis interesantes da Copa do Mundo, a pesar do evidente favoritismo da selección arxentina. O combinado albiceleste xa non conta cun cadro de xogadores inzado con estrelas dos principais clubs do planeta, pero no seu lugar presenta un bloque sólido, traballador e moi solidario construído -non sen esforzo e críticas moitas veces inxustificadas- por Lionel Scaloni, ídolo deportivista durante a súa etapa como xogador en activo. 

De novo está liderado por un Messi que alcanzará en Qatar a histórica cifra de cinco mundiais, uníndose así a lendas como o alemán Matthäus. O seu  legado non admite cuestión algunha, pero o '10' sabe que no seu país natal continúa por detrás de Maradona no imaxinario popular, polo que levantar o ouro podería elevalo, dunha vez por todas, á categoría do mellor de todos os tempos.

A última vez que a Arxentina levantou un Mundial foi no ano 1986.

Os dous principais obstáculos da Arxentina nesta fase de grupos serán Mexico e Polonia. Os aztecas chegan entre fortes críticas ao seu seleccionador -o arxentino Tata Martino- tanto pola irregularidade no seu xogo e resultados previos como por deixar fóra da convocatoria homes do nivel do dianteiro Javier 'Chicharito' Hernández.

Pola súa parte, Polonia tamén debe mellorar se quere xogar os oitavos de final, xa que o astro blaugrana Robert Lewandowski -que non está exhibindo a súa mellor versión no que vai de tempada- e os seus compañeiros ofreceron moitas dúbidas na fase de clasificación. 

Quen parece carne de eliminación segura é o "cuarto en discordia", Arabia Saudita. Con todo, o seu técnico, Hervé Renard, contou cunha vantaxe con respecto a calquera outra selección deste Mundial, unha concentración estrita de varias semanas con todos os seus convocados. 

Comentarios