A guía do Mundial de Qatar: Grupo 'B'

Gales busca dobre premio: pasar e eliminar Inglaterra
O sempre cuestionado Gareth Bale, o 'Expreso de Gales', liderou á única nación sen Estado que participará no torneo ao seu segundo Mundial tras Suecia '58 (Foto: EP).
photo_camera O sempre cuestionado Gareth Bale, o 'Expreso de Gales', liderou á única nación sen Estado que participará no torneo ao seu segundo Mundial tras Suecia '58 (Foto: EP).

Pode ser o 'B' o "grupo da morte" desta edición da Copa do Mundo? Estatisticamente falando desde logo, pois é o único que conta con catro seleccións entre as 20 mellores do planeta segundo o ránking que elabora a propia FIFA. Ademais, o seu interese medra dada a intensa rivalidade que manteñen Estados Unidos e Irán, por un lado, e Inglaterra e Gales polo outro.

A galesa será a única nación sen Estado presente en Qatar, onde disputará a segunda Copa do Mundo da súa historia. Na primeira, en Suecia 1958, alcanzou a rolda de oitavos, onde caeu pola mínima (1-0) e con gol de Pelé ante a campioa, Brasil.

Gales é a única nación sen Estado que participará neste Mundial

Nesta ocasión o seu obxectivo é repetir a fazaña de hai 64 anos, clasificarse para a segunda rolda. Para iso sería fundamental que Gareth Bale e compañía sumasen os tres puntos no seu debut contra uns Estados Unidos que chegan cheos de incertezas, en especial polo mal rendemento que está dando no seu club (Chelsea) o seu gran astro, o dianteiro de 24 anos Christian Pulisic, quen só suma un gol no que vai de Premier League.

Nesa competición brillan as principais estrelas inglesas, Harry Kane, Jack Grealish ou Phil Foden, activos máis visíbeis dun bloque elaborado con mimo e coidado por Gareth Southgate coa meta final de cantar, esta vez con razón de ser, o Football's Coming Home dos Three Lions que tanto soaron en Rusia 2018 -onde alcanzaron as semifinais- e na pasada Eurocopa, que perderon na final por penaltis.

Por último, o Irán, que sorprendeu substituíndo en setembro Dragan Skočić, o técnico que o clasificara brillantemente para a Copa, polo portugués ex de Madrid e United Carlos Queiroz, comparte cos Estados Unidos e Gales o desexo de meterse nos oitavos de final vía segunda praza

Comentarios